Mondariz | O Concello de Mondariz completou este mes de outubro as obras incluídas no Plan Marco 2021-2022 para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, que ascenden a 64.911,55 €.
Estas actuacións consistiron na mellora da pavimentación de tres camiños: dous localizados na parroquia de Vilar e nos límites coa parroquia de Riofrío (lugares da Igrexa-Pé do Muíño e Casares), e un na parroquia de Lougares (lugar do Porrón).
Con estas obras, o Goberno de Mondariz leva investidos este ano uns 140.000 € en melloras viarias. Durante os primeiros meses do ano, no marco do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, realizáronse obras de mellora da pavimentación e asfaltado en varios camiños das parroquias de Riofrío (Coto Ribeiro e Arnela), Lougares (A Chouteira), Queimadelos (Outeiro da Cruz e Costa da Carrapita) e Mondariz (rúa Ramón y Cajal) que incluíron actuacións adicionais sobre as canalizacións e a rede de saneamento nalgúns treitos.
Histórico investimento bianual de 300.000 € en melloras viarias
Para o Goberno de Mondariz, a mellora dos servizos municipais máis básicos é unha prioridade que se demostra da distribución dos fondos do Plan Concellos e no aproveitamento das oportunidades de financiamento público para emprender proxectos de aforro e eficiencia enerxética, entre outros, que contribúan a modernizar as infraestruturas municipais.
Seguindo esta liña estratéxica, para os anos 2022 e 2023 xa está planificado un investimento histórico en melloras viarias de 300.000 € que vai beneficiar a 19 lugares de nove das doce parroquias do Concello de Mondariz. “Somos conscientes das enormes necesidades que existen en camiños e estradas municipais. Para decidir onde actuar primeiro valoramos aspectos como o nivel de deterioro do pavimento e o máis ou menos transitadas que son as vías públicas”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Nestes dous anos están previstas obras de reparación de estradas e pavimentación de pistas de terra en Mondariz (Camiño da Feira-A Pedreira, Casares-O Sesteiro e dous treitos nas Paredes), Frades (dúas pistas en Aboal e varios treitos en Quintáns), Gargamala (unha pista en Boente e varios treitos en Mourelle), Toutón (Lordelo e lugar da Igrexa), Sabaxáns (Coto, Porta Nova e lugar da Igrexa), Riofrío (Cavada Nova), Lougares (pista en Santa Baia), Mouriscados (lugar de Fontebalán) e Meirol (A Vermella e A Goleta).
Nos anos 2019, 2020 e 2021, o Concello de Mondariz acumulou máis de 400.000 € de investimento en melloras de pavimentación e asfaltado, fundamentalmente, e este último desembolso municipal previsto, sumado ás actuacións xa realizadas este ano, suporá case un millón de euros de diñeiro público destinado a melloras viarias.
“Agardamos convocar unha nova edición de encontros entre o Goberno municipal e a veciñanza das parroquias estes últimos meses de ano para así escoitar as necesidades e demandas de mellora nos diferentes lugares. As obras en camiños e estradas sempre están entre as preocupacións dos veciños e das veciñas, somos conscientes das necesidades e temos en conta as demandas veciñais nas nosas decisións”, remata Barros.