Mondariz conmemorará os días da Tolerancia e da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Os días 16 e 25 de novembro con cinema e teatro

Mondariz | A programación de actividades socioculturais de novembro tamén pon en valor o patrimonio natural e cultural con dúas saídas micolóxicas, un magosto tradicional e as III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural

Este mes de novembro, o Concello de Mondariz conmemora o Día Internacional para a Tolerancia (16 de novembro) e o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25 de novembro) con proxeccións cinematográficas, representacións teatrais e charlas que promoven a memoria e a reflexión sobre a historia, os dereitos e as liberdades.

Este venres, 4 de novembro, arranca un ciclo de cinema no auditorio municipal de Mondariz, ás 21:30 horas, coa proxección da película “Uno para todos” (David Ilundain, 2020). Continúa o sábado 5, ás 21:00 horas, coa proxección da curtametraxe galega “Postre” (2020), do director Roberto Albite, que estará presente na sala para entablar un coloquio co público asistente. Así mesmo, para o venres 18 de novembro está programada a película “Dios tiene nombre de mujer y se llama Petrunya” (Teona Strugar Mitevska, 2019).

En liña coa programación cultural dos últimos anos, o Concello de Mondariz trae este mes ao auditorio municipal unha das obras de teatro máis aplaudidas por crítica e público en Galicia: “Invisibles”, un espectáculo dramático de Redrum Teatro baseado na obra homónima de Montse Fajardo, con tres premios de teatro María Casares.

Terá lugar o 12 de novembro, ás 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta até completar a cabida. A comprometida programación teatral do mes de novembro completarase o día 26, coa representación da obra “A señora de Forcadela”, producida por Os Quinquilláns, que recupera a historia da mestra Josefa García Segret e ofrece unha mirada ás vivencias de represión durante a ditadura franquista.

Na biblioteca municipal de Mondariz tamén están programadas presentacións de libros e charlas de escritores. Este venres, 4 de novembro, a asociación ecocultural Búrbida de Mondariz organiza a presentación do libro “Dende a miña xanela”, da escritora local Sonia Melón, ás 20:00 horas.

O 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, está programada a charla “Do vals ao charlestón”, do escritor e historiador Rubén Martínez Alonso, ás 19:00 horas. Este autor tamén participará no faladoiro do club de lectura de Mondariz, que este mes está lendo o seu libro “As escaleiras do Gran Hotel”, inspirado na historia do Balneario de Mondariz.

As actividades socioculturais compleméntanse este mes con dúas saídas micolóxicas programadas para os sábados 5 e 19 de novembro a partir das 10:00 horas, que requiren inscrición previa na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) –omix@mondariz.gal, 680 964 461–, coas III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural, que presentarán iniciativas de éxito para a recuperación de terras abandonadas durante o sábado 12 de novembro, e cun magosto tradicional na Praza de Abastos organizado pola asociación de veciños Xabriña e a Comisión de Festas de Mondariz o domingo 13 de novembro.