Mondariz | O ben inmoble, situado no centro urbano de Mondariz, foi cedido de xeito gratuíto ao Concello de Mondariz por unha veciña da localidade para colaborar ou fomentar actividades públicas e formar parte do dominio público.
O Concello de Mondariz recibiu este ano a cesión gratuíta dun ben inmoble situado na rúa Ramón y Cajal, no centro urbano da localidade, e está ultimando os trámites necesarios para inscribilo no Rexistro da Propiedade e no Libro de Inventario de Bens do Concello de Mondariz.
Esta vivenda, de 147 m² e cun valor de tasación de 43.864,80 €, foi cedida por unha veciña para colaborar ou fomentar actividades públicas e formar parte do dominio público. Para dar cumprimento a este obxectivo, o Concello de Mondariz xestionará esta primeira vivenda municipal desde os servizos sociais comunitarios. “É o primeiro piso que se dispón no Concello de Mondariz para ofrecer estancias provisionais no ámbito dos servizos sociais”, suliña Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. “A intención do Goberno municipal é investir na renovación desta vivenda a través de liñas de subvencións que sirvan para mellorar as instalacións”.
Os servizos sociais comunitarios, de carácter predominantemente local, están definidos por lei como un conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e a participación social de toda a poboación, mediante intervencións que permitan o logro de obxectivos estratéxicos do sistema.
Nos últimos catro anos, o Concello de Mondariz actuou decididamente en áreas relacionadas coa política social e os servizos sociais comunitarios, como a resolución definitiva da débeda histórica que tiña o centro de día e puña en risco a renovación do convenio para o seu mantemento, a atención á dependencia a través dun Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipalizado, a xestión do Banco de Alimentos de Mondariz ou as axudas para material escolar. Este primeiro piso destinado a ofrecer estancias provisionais no ámbito dos servizos sociais comunitarios vén a sumar equipamentos públicos municipais e ampliar as posibilidades de actuación dos servizos sociais comunitarios en casos de violencia de xénero ou emerxencias sociais doutro tipo.
Prórroga do SAF
Actualmente conta cunha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta para dar atención a nenos e nenas de 0 a 6 anos que presenten dificultades no seu desenvolvemento e sexan derivados de Pediatría.
Durante a sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal, celebrada o 28 de abril, ratificouse a prórroga do convenio de colaboración entre os concellos da Cañiza, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo e Melón para o mantemento da agrupación e a xestión compartida do servizo de atención temperá, que comezou a funcionar no verán de 2022 cunha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta.
Este servizo compartido de atención temperá está concebido como unha unidade interdisciplinaria integrada por tres profesionais para dar atención a nenos e nenas de 0 a 6 anos derivados do servizo de Pediatría. Permite avanzar na diagnose e valoración de diferentes trastornos do desenvolvemento, así como ofrecer apoio, formación e información ás familias.
No Concello de Mondariz, o servizo de atención temperá préstase nas instalacións do Centro Social os luns e martes, en horario de mañá e tarde. Os nenos e nenas menores de 6 anos que presentan dificultades no seu desenvolvemento (psicomotor, cognitivo, de linguaxe e comunicación, de autonomía, relacionado coa área social e afectiva,…) son derivados polo servizo de Pediatría.
O obxectivo desta atención temperá é dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes dos nenos e as nenas con trastornos de desenvolvemento ou en risco de padecelos, coa finalidade de facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social.
A posta en marcha deste servizo de atención temperá foi resultado da sinatura dun convenio de colaboración en marzo de 2022. O servizo está financiado pola Xunta de Galicia.
Mes da Lingua
Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, será protagonista de espectáculos de narración oral, contacontos e charlas; mais a lingua galega estará presente en proxeccións de filmes, obras de teatro, concertos e presentacións de libros.
Un ano máis, o Concello de Mondariz celebra o “mes da lingua” cunha extensa e variada programación de actividades socioculturais que poñen o foco na lingua e na cultura do noso país. Desde a concellería de Cultura e Igualdade que encabeza Anxos Carballo reivindícase a calidade sobre a cantidade, mais este mes de maio destaca en ambos sentidos.
A promoción do cinema, especialmente de produción galega, é xa un sinal de identidade da política cultural desenvolvida polo actual Goberno municipal. Polo auditorio municipal de Mondariz teñen pasado nos últimos catro anos cineastas galegos/as como Óliver Laxe, Paula Cons e Ignacio Vilar, entre outros/as, para presentar os seus filmes e conversar co público. Este mes de maio agárdase a visita de Ángeles Huerta e Álvaro Gago. Huerta, directora asturiana afincada en Galicia, presentará este venres 5 de maio o seu filme “O corpo aberto”, mentres que Gago, natural de Vigo, traerá “Matria” o sábado 20 de maio. Ambas proxeccións comezarán ás 21:00 horas no auditorio municipal de Mondariz, e rematarán con coloquios entre director/a e público.
Como en meses anteriores, o teatro volve estar presente na programación cultural do Concello de Mondariz. A compañía Talía Teatro presentará o espectáculo familiar “Lambetadas” este domingo 7 de maio ás 18:30 horas e representará a obra “Pelos na lingua” o 16 de maio ás 21:30 horas, ambas no auditorio municipal de Mondariz.
Outros dos espectáculos programados para este mes xirarán arredor de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O 17 de maio, ás 18:00 horas, Trémola Teatro deleitará ás máis cativas co contacontos “Unha nova galaxia” na biblioteca municipal de Mondariz. O 19 de maio, ás 20:00 horas, este mesmo escenario acollerá a charla “Francisco Fernández del Riego e Mondariz”, a cargo de Malores Villanueva, autora do libro “Francisco Fernández del Riego. Un loitador pola idea de Galicia” (Galaxia, 2022).
O 21 de maio, ás 19:00 horas, Raquel Queizás ofrecerá o espectáculo de narración oral “Romaría”, que recolle lendas tradicionais galegas que achegan o mundo rural aos máis pequenos. Para o mesmo Día das Letras Galegas (17 de maio) tamén está programado un concerto de Voces de Arrieiro no auditorio municipal de Mondariz a partir das 20:00 horas. A programación musical completarase o 27 de maio, a partir das 20:00 horas, co Festival de Cantos Populares que organiza a Asociación de Maiores de Mondariz, co apoio do Concello de Mondariz.
No “mes da lingua” tamén están programadas actividades relacionadas coa memoria histórica. O 12 de maio, Beatriz Busto dará unha charla titulada “A Galicia en NO-DO. Arquitectura da subalteridade cultural”, que está incluída no programa O Pasado por Vir da Deputación de Pontevedra. Beatriz Busto é investigadora e profesora asociada de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela.
En 2016 defendeu a súa tese doutoral “La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981)”, relacionada coa charla que ofrecerá na biblioteca municipal de Mondariz. O 13 de maio, nestas mesmas instalacións municipais, presentarase “O libro negro da lingua galega” (Xerais, 2022), de Carlos Callón, que se presenta como unha crónica de cincocentos anos de represión e silenciamento da lingua galega.