Mondariz | O Pleno municipal aproba os convenios polos que se establecen as relacións de cooperación e coordinación entre o Concello de Mondariz e as entidades locais menores de Vilasobroso e Queimadelos, froito da vontade e do traballo de negociación do Goberno municipal para dar unha solución a unha demanda histórica relacionada co cumprimento da Lei de Administración Local de Galicia.
O Concello de Mondariz vén de regular formalmente as súas relacións de cooperación e coordinación coas entidades locais menores de Vilasobroso e Queimadelos, que levaban décadas demandando o cumprimento da Lei de Administración de Galicia (Lei 5/1997, do 22 de xullo) no que respecta á recadación da porcentaxe mínima dos impostos devindicados polo Concello no ámbito territorial de cada entidade local menor, cos votos favorables dos concelleiros e das concelleiras do BNG, PSOE, Alternativa por Mondariz e Ciudadanos, e as abstencións do PP.
Durante a sesión plenaria do venres, 28 de xaneiro, a Alcaldía autorizou a intervención dos presidentes das entidades locais menores de Vilasobroso e de Queimadelos para que dirixiran un alegato á Corporación Municipal antes da votación, como partes institucionais interesadas neste asunto.
Alexandre Estévez, presidente da Xunta Veciñal de Vilasobroso, expuso diante do Pleno que o dereito das entidades locais menores a percibir alomenos o 25% dos impostos municipais recadados no territorio está recoñecido por leis de 1985 e 1997, e que non é un dereito que se deba discutir no seo da Corporación.
Por outra banda, destacou que non se trata de ningún privilexio respecto a outras parroquias que non están constituídas como entidades locais menores, xa que implica asumir unha serie de competencias de administración local de recursos e mesmo servizos públicos. Sandra Queimadelos, presidenta da Xunta Veciñal de Queimadelos, afondou precisamente na problemática de ter que xestionar como entidade local menor unha traída de auga sen recursos financieiros suficientes e sen posibilidade de solicitar axudas públicas.
“Formalizar a relación entre o Concello de Mondariz e as entidades locais menores a través destes convenios é un paso histórico. Non só se trata de cumprir a lexislación vixente, senón de dar solución a problemas estruturais que se foron aparcando durante as anteriores lexislaturas e que, como é o caso, pasaron mesmo polos xulgados”, comentou Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, en referencia á demanda xudicial que iniciou a entidade local menor de Vilasobroso en 2019, antes de rematar a pasada lexislatura, contra o Concello de Mondariz por este asunto.
Os convenios de colaboración e coordinación aprobados, con todo, están concebidos como convenios de mínimos. O obxectivo principal é que funcionen como marco legal básico para nun futuro, en función da experiencia e da vontade político-administrativa das partes interesadas, ampliar as competencias.
Unha vez aprobados polo Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mondariz, estes convenios de colaboración e coordinación pasarán polo Pleno da Xunta Veciñal de Vilasobroso e de Queimadelos, onde está prevista a súa respectiva aprobación.