Mondariz | O documental sobre a tradición cesteira de Mondariz iniciou a súa xira polos roteiros xacobeos cunha presentación no Concello ourensá de Verín. Producido pola compañía EscénaTe, o documental conta con recoñecidos cineastas galegos no seu equipo artístico, como o director Fon Cortizo e o guionista Alexandre Cancelo.
Este documental foi oficialmente presentado en Mondariz o pasado 20 de xullo, e continuou a súa xira por Verín o 20 de agosto. Conta coa axuda e financiamento do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
A historia do último mestre cesteiro de Mondariz, Enrique Táboas (1955), serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo propio dos cesteiros da localidade para comunicarse, o papel das mulleres na produción cesteira e a súa íntima relación coa natureza.
Desde o século XIX, esta tradición cesteira de Mondariz foi obxecto dunha gran apreciación en Galicia e Portugal, caracterizada polo uso de láminas de madeira. Sen embargo, esta tradición foise perdendo nas últimas décadas do século XX coa progresiva diminución de artesáns e a chegada dos produtos de plástico.
O documental non se presenta como unha obra audiovisual etnográfica, senón como un traballo de recuperación da memoria colectiva con clara visión de futuro.
Tras Verín, o documental continuará a súa difusión polos concellos de Allariz, Arzúa, Rianxo, Redondela e O Porriño. O tráiler do documental pode ser visto en YouTube, a través da seguinte ligazón: https://youtu.be/t4_gv0tX1n8