Mondariz | O Goberno municipal encargou a redacción do proxecto a persoal técnico vencellado ao territorio e prevé presentar a solicitude de axudas públicas para a dinamización do patrimonio histórico con uso turístico antes do 12 de maio. O investimento mínimo deste proxecto, a cargo dos fondos europeos Next Generation, sería de 750.000 €.
Nestes últimos meses de mandato, o Goberno municipal de Mondariz está centrado na execución e solicitude de grandes proxectos de investimento financiados con fondos europeos. Mentres se ultima a execución do macroproxecto de cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público, valorado en máis de 1.500.000 euros e financiado nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) correspondente ao período 2014-2020, continúa traballando arreo para solicitar en prazo outros proxectos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a cargo dos fondos europeos Next Generation.
Actualmente, ten encargada a redacción técnica dun gran proxecto de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico para presentar antes do 12 de maio diante do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo do Goberno español, que destinará 139 millóns de euros a entidades locais.
“Trátase dun proyecto municipal moi ambicioso para a conservación e valorización do patrimonio histórico do Concello de Mondariz que incluirá a restauración de bens de interese cultural (BIC) recoñecidos no territorio e a súa contorna. É ambicioso porque un proxecto destas características supón un investimento mínimo de 750.000 €”, afirma Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e promotor desta iniciativa.
“Sabemos que este gran proxecto de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico, de recibir as axudas europeas que se van solicitar, non se desenvolverá ata o próximo mandato; mais consideramos que é necesario aproveitar todas as oportunidades de financiamento para actuar decididamente na modernización de infraestruturas e servizos públicos, así como na conservación e valorización do noso patrimonio histórico”, destaca Xosé Emilio Barros.
Promoción do patrimonio histórico e cultural con profesionais locais
Como noutras ocasións, o Goberno municipal está confiando estes labores técnicos de investigación e consultoría estratéxica en profesionais locais comprometidos coa conservación do patrimonio histórico e cultural. Nos últimos catro anos, aproveitando liñas de subvención da Deputación de Pontevedra, xa se levaron a cabo numerosas actuacións municipais relacionadas coa sinalización de patrimonio histórico cultural en parroquias como Gargamala, Sabaxáns, Toutón, Mouriscados, Riofrío e Lougares. Desde 2020 tamén se promove a edición da revista cultural “Mondaricus”, que inclúe textos relacionados coa memoria histórica e o patrimonio cultural da localidade.
A estas accións súmanse os esforzos constantes do Goberno municipal por valorizar e recuperar a tradición cesteira de Mondariz. En 2020, o Concello de Mondariz solicitou unha subvención do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia para producir un filme documental que reivindicara a memoria e a innovación da cestería a través de artesáns como Enrique Táboas e Idoia Cuesta. “Notas sobre os cesteiros de Mondariz”, con produción executiva de Santiago Pérez (EscénaTe) e dirección de Fon Cortizo, presentouse en 2021 e foi seleccionado para participar na 17ª Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego en 2022. Ese mesmo ano, grazas ao financiamento da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta de Galicia, realizouse en Mondariz un curso gratuíto que ofreceu unha formación inicial en cestería a 15 persoas.
“Para nós, a recuperación da cestería tradicional de Mondariz é un obxectivo estratéxico de desenvolvemento económico e promoción do patrimonio cultural inmaterial. Seguimos traballando para que Mondariz conte cun centro de interpretación da cestería local e un programa formativo regular que permita a transmisión de coñecementos. Xa case non quedan cesteiros en activo que conserven a singular tradición cesteira de Mondariz, polo que estamos nun momento crucial para actuar na promoción dun oficio que contribúe á economía circular e ten futuro”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros.