Mondariz | O obradoiro dual “Medrando entre todos/as”, organizado conxuntamente polos concellos de Mondariz e O Covelo, xa está en marcha. Este mércores, 30 de decembro de 2020, foi inaugurado oficialmente na sede da Escola Municipal de Música de Mondariz (antigo C.E.I.P. Riofrío-Vilar) coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, do alcalde do Covelo, Pablo Castillo, e do alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
Durante o acto de inauguración, os dous alcaldes salientaron que este obradoiro de emprego foi froito dunha “colaboración intelixente e funcional” entre concellos veciños con desafíos semellantes en materia de desenvolvemento rural. A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, pola súa banda, felicitou aos concellos de Mondariz e O Covelo por ter incluído no proxecto conxunto dous sectores que teñen boa inserción laboral, como o sociosanitario e o forestal.
Nas últimas semanas ultimáronse os procesos de selección de candidatos/as para as 10 prazas da especialización en atención sociosanitaria, as 10 prazas da especialización en traballos forestais e de xardinería, e as 6 prazas de administración e docencia. Dos 26 contratos que se asinaron, cinco corresponderon a homes e 21 a mulleres.
A formación teórica, que se levará a cabo nas aulas da Escola Municipal de Música de Mondariz, complementarase ao longo dos nove meses de contrato cunha capacitación práctica en Mondariz e O Covelo. A especialización en atención sociosanitaria realizarase na residencia da terceira idade do Covelo, no centro de día de Mondariz e no SAF (Servizo de Axuda no Fogar) que se presta nos dous concellos. No caso da especialización en traballos forestais e de xardinería, a formación práctica levarase a cabo en parcelas de titularidade municipal, como a Cela e a Lagoa en Mondariz e o Souto e a Finca do Caseiro no Covelo.
A especialización no ámbito da dependencia está vinculada a dous certificados de profesionalidade de nivel 2 (atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións), mentres que a especialización no ámbito forestal está relacionada con tres certificados de profesionalidade de nivel 1 (actividades auxiliares en aproveitaments forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería).
A iniciativa conxunta, que conta cun orzamento de 359.946,00 euros, está financiada principalmente pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, aínda que os concellos de Mondariz e O Covelo tamén contribúen cunha achega de capital e outros recursos municipais.
Tanto Mondariz coma O Covelo levan case dúas décadas (Mondariz, 15 anos; Covelo, 17 anos) sen contar cun obradoiro de emprego destas características, polo que os dous alcaldes celebran esta resolución positiva do seu proxecto conxunto. “Presentamos o proxecto conxunto en febreiro deste ano, despois de varios meses de traballo, porque somos concellos rurais concienciados coa problemática do despoboamento e somos plenamente conscientes de que é necesario crear novas oportunidades laborais para fomentar o asentamento de familias.
A realización deste obradoiro de emprego, considerando o excepcional contexto de crise sanitaria e económica que estamos a vivir, non pode ser máis oportuna”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros. Para o alcalde do Covelo, Pablo Castillo, “este obradoiro de emprego, que é resultado do compromiso político e da colaboración efectiva entre institucións con problemáticas semellantes, permite fomentar a empregabilidade nos dous concellos e ofrece unha boa oportunidade para a formación de persoas en ámbitos laborais de gran proxección”.