Mondariz | Un informe técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro solicitado en 2020 alerta da necesidade de substituír ou eliminar algúns dos icónicos tileiros da Praza de España
Á vista do estado de conservación das árbores da Praza de España, o Goberno municipal de Mondariz está valorando un plan de acción para substituír ou eliminar as máis danadas e garantir a seguridade deste espazo público de gran actividade social.
“Nos próximos meses haberá actuacións ao respecto. Non podemos esperar a que haxa caídas de ramas ou mesmo pés para actuar, cando xa dispoñemos de informes técnicos que recomendan substituír e mesmo eliminar algunhas das árbores porque a podremia interna está demasiado avanzada”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
En 2020, a resposta dunha solicitude expresa do alcalde de Mondariz, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizou unha avaliación técnica do estado dos icónicos tileiros da Praza de España, no que se corroboraba a diagnose dun estudo previo emitido no ano 2015: unha perigosa tendencia á podremia nos pés das árbores, derivada das podas feitas durante anos para darlles unha estrutura artificial de candelabro.
Despois dunha avaliación visual preliminar dos 35 tileiros da Praza, no informe técnico recomendouse substituír e eliminar catro pés, manter a vixilancia sobre outros 25 pés por diferentes niveis de risco, ir substituíndo ou mesmo eliminando os pés máis desequilibrados, sanear aqueles tileiros que presentan máis ramas secas e defectos estruturais, e separar o empedrado das proximidades das árbores.
“Despois dunha avaliación visual preliminar dos 35 tileiros da Praza, no informe técnico recomendouse substituír e eliminar catro pés, manter a vixilancia sobre outros 25 pés por diferentes niveis de risco”
“Como esta actuación non se pode adiar, temos previsto aproveitar as obras que se realicen na Praza durante o cambio integral de luminarias e cadros eléctricos en Mondariz para reorganizar o arbolado e instalar uns novos báculos no centro que melloren a iluminación e sirvan de plataforma para colgar elementos durante o verán e dar sombra a este espazo aberto en condicións de seguridade”, explica Barros.
O asunto do estado dos tileiros da Praza de España e a necesidade de actuar para manter a seguridade do lugar foi tratado na última Comisión de Urbanismo celebrada no Concello de Mondariz. Malia que este concello realiza un seguimento periódico do estado de conservación das árbores, como demostran os informes técnicos mencionados, a recente caída dunha árbore no veciño Concello de Mondariz-Balneario, que deixou unha persoa morta e varias máis feridas, alertou da necesidade de tomar medidas inmediatas para previr catástrofes.
Novo modelo de subvención de actividades socioculturais
As asociacións do ámbito veciñal teñen até o 15 de novembro para presentar solicitudes de subvención para actividades socioculturais realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2021
O Concello de Mondariz vén de facer efectivo o cambio de modelo nas subvencións municipais para actividades socioculturais organizadas por colectivos sociais do ámbito veciñal, coa recente publicación dunhas bases reguladoras para a convocatoria de subvencións ás asociacións do ámbito veciñal para actividades socioculturais realizadas durante o ano 2021.
“O Concello de Mondariz vén de facer efectivo o cambio de modelo nas subvencións municipais para actividades socioculturais organizadas por colectivos sociais do ámbito veciñal”
“Durante anos prevaleceu a asignación municipal de subvencións nominativas, pero este modelo era incompatible coa lei de subvencións de Galicia, na que se establece a concorrencia competitiva como procedemento ordinario. Este cambio de modelo non só aporta legalidade ao proceso, senón que tamén amplía as oportunidades de subvención de actividades socioculturais a todas as asociacións do ámbito veciñal”, sinala o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
O modelo antigo de asignación de subvencións nominativas nos propios orzamentos municipais, que xa xeraba dúbidas a nivel xurídico, quebrou especialmente durante estes últimos anos de pandemia, cando as restricións de mobilidade e reunión levaron a suspender case toda a actividade sociocultural.
Houbo asociacións que, conscientes de que non realizaran ninguna actividade que xustificase a subvención á que tiñan dereito, decidiron por propia vontade renunciar á mesma. “Esa situación deixou claro que o modelo de asignación de subvencións nominativas non era xusto e estaba desfasado, por iso buscamos outro modelo que tivera en conta as actividades socioculturais que realmente se organizan e abrira as portas á participación de novos colectivos sociais”, sinala Barros.
Malia que o Goberno municipal convocou ás asociacións do ámbito veciñal a unha reunión informativa para explicar este cambio de modelo, existen críticas sobre determinados aspectos, como o apartado 9, sobre os compromisos e deberes dos beneficiarios, no que se indica que “as entidades subvencionadas quedarán obrigadas a colaborar co Concello naquelas actividades que este organice cando lles sexa requerido e farán constar o patrocinio do Concello de Mondariz na súa publicidade”.
“Somos conscientes de que a redacción deste apartado, dentro das bases reguladoras, pode ser malinterpretado. O que se propón é unha relación de colaboración en Concello e asociacións subvencionadas.
Con todo, é un problema de redacción xurídica que pode ser subsanado en próximas convocatoria, non é un problema de contido nin de modelo en si”, responde Barros.
Unha vez publicadas as bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), as asociacións do ámbito veciñal de Mondariz teñen até o 15 de novembro para presentar solicitudes de subvención para actividades socioculturais realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2021.