Mondariz | As actuacións municipais na Casa do Concello e no antigo CEIP Riofrío-Vilar, convertido en sede da Escola Municipal de Música de Mondariz e doutras accións formativas, están subvencionadas con fondos europeos
O Concello de Mondariz aproveitou o último ano da convocatoria de axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para presentar varios proxectos de rehabilitación enerxética de edificios públicos que finalmente foron aprobados e xa están en marcha.
Estas actuacións na Casa do Concello e no edificio que acolle a Escola Municipal de Música de Mondariz están financiadas nun 80% con fondos europeos e se complementan coa aportación xa confirmada da Deputación de Pontevedra. En ambos casos, son intervencións que melloran a eficiencia enerxética dos edificios.
Proxectos de rehabilitación enerxética
No antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pé de Muíño, s/n), convertido en sede da Escola Municipal de Música de Mondariz e doutras actividades formativas, como o obradoiro dual de emprego “Medrando entre todos e todas” que se leva a cabo este ano, o proxecto subvencionado busca unha rehabilitación enerxética da cuberta mediante o illamento e unha rehabilitación enerxética da fachada mediante a substitución de elementos de carpintería.
O orzamento desta obra ascende a 176.661 €, dos que 141.329 € son fondos europeos tramitados e concedidos a través do IDAE e o importe restante será financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021.
“Estamos falando dunha construción do ano 1970 que presenta notables deficiencias enerxéticas e materiais que hoxe en día non se utilizarían, como a uralita. Con esta actuación, buscamos renovar as instalacións para lograr un aforro enerxético que reverte no benestar da comunidade”, afirma o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
“Unha vez executadas al obras, está previsto que as emisións de CO2 diminúan de 5,8 kgCO2/m2 a 4,4 kgCO2/m2, pasando de cualificación enerxética B a A, que é o nivel máis eficiente”
Unha vez executadas al obras, está previsto que as emisións de CO2 diminúan de 5,8 kgCO2/m2 a 4,4 kgCO2/m2, pasando de cualificación enerxética B a A, que é o nivel máis eficiente.
Para a Casa Consistorial, un edificio construído en 1983 que tamén presenta deficiencias enerxéticas por mor do carácter obsoleto da súa envolvente de carpintería metálica, o Concello de Mondariz ten previsto desenvolver un proxecto de rehabilitación que afecta aos ocos da fachada, tanto portas como fiestras, e mellora a demanda enerxética actual. Con esta actuación, as emisións de CO2 diminúen de 22,2 kgCO2/m2 a 20,8 kgCO2/m2, pasando de cualificación enerxética G a E. Este proxecto está valorado en 132.415 €, dos que 105.932 € corresponden a cofinanciación FEDER.
“Foi unha mágoa que o Concello de Mondariz non aproveitara estas axudas europeas antes do ano 2020, pois estaban dispoñibles desde 2014 e naquel momento incluso os concellos máis pequenos tiñan prioridade. Estas actuacións son fundamentais para avanzar na liña de eficiencia e de aforro de enerxía que marcan os tempos. O esforzo que fixemos para solicitar estas axudas cando o programa operativo FEDER-Galicia 2014-2020 estaba case esgotado pagou a pena”, afirma Barros.
Estes non son os únicos proxectos de rehabilitación enerxética que tramitou o ano pasado o Concello de Mondariz. O máis ambicioso, que suporía mudar o alumeado público de todo o territorio municipal para acadar un enorme aforro enerxético e económico na factura eléctrica, aínda está en proceso de resolución.
“Estes son os investimentos estratéxicos en servizos públicos básicos que realmente precisan os concellos para modernizarse e avanzar. Na comarca houbo concellos que aproveitaron estes mesmos fondos europeos con éxito. Sería unha mágoa quedarse atrás”, comenta o alcalde de Mondariz, en referencia á falta de apoio que recibira a iniciativa gobernamental de presentar unha solicitude de fondos europeos para financiar este proxecto de aforro enerxético no pleno da Corporación Municipal por parte de grupos de oposición en xuño de 2020.
A estes proxectos financiados con fondos europeos tamén se suma a rehabilitación enerxética da escola unitaria de Valiño, valorada en 378.309 €, que foi promovida pola Entidade Local Menor de Vilasobroso a través da Deputación de Pontevedra.