Mondariz | Esta senda peonil circular, localizada dentro do entorno protexido da Rede Natura 2000, está sendo acondicionada cun investimento de 530.000 €, xurdido da colaboración entre o Concello de Mondariz e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS)
Os veciños e visitantes do Concello de Mondariz poderán desfrutar proximamente dunha nova senda fluvial acondicionada para paseos a pé. É a senda fluvial de Laredo, que transcorre polo río Xabriña entre los barrios da Pedreira e do Escobeiro, próximos ao centro urbano de Mondariz. As obras de ampliación e mellora desta ruta inclúen a construción dun treito novo e dunha pasarela para cruzar o río. O resultado será unha senda peonil circular de 3.225 metros. “Agardamos que xa poida estar aberta este verán”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
Este proxecto foi desenvolvido grazas a un convenio de colaboración asinado en 2021 entre o Concello de Mondariz e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS). Supón un investimento de 530.000 euros, dos cales a CHMS asume o 80% e o Concello de Mondariz o 20%.
Con ésta e outras actuacións que están en proceso, o Goberno municipal busca consolidar unha estratexia que poña en valor os atractivos naturais do Concello de Mondariz, como o río Tea e os seus afluentes, e así promover tanto a calidade de vida da poboación como o desenvolvemento dun turismo de natureza.
“Estamos tratando de conectar o centro urbano co río a través de diferentes proxectos, como o desenvolvemento dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para chegar a construír un albergue turístico na parcela municipal da Cela ou o desenvolvemento dun centro de ocio e deporte urbano no Campo da Minada, que xa están en marcha. Dentro desta estratexia, tamén temos en mente desenvolver unha rede de sendas para impulsar o turismo de natureza. O convenio coa CHMS foi o resultado do esforzo constante por transformar ideas en proxectos factibles para o desenvolvemento integral na nosa localidade, e seguiremos traballando nesa liña”, afirma Barros.
Próxima apertura do centro de ocio e deporte urbano
As obras da segunda e derradeira fase de construción do centro de ocio e deporte urbano de Mondariz, que ascenden a máis de 400.000 € e están subvencionadas nun 90% polo Plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) da Deputación de Pontevedra, xa están en marcha no Campo da Minada.
O Campo da Minada, situado no centro urbano de Mondariz, disporá proximamente dun centro de ocio e deporte urbano que permitirá a rehabilitación integral para o uso público desde importante espazo municipal. Xa están en marcha as obras da segunda e derradeira fase de construción deste ambicioso e estratéxico proxecto, iniciado en 2021 co innovador circuíto asfaltado de pump track, o maior do seu tipo en Galicia naquel momento, con 1.200 m² de superficie.
“O muro de formigón que separaba visualmente este espazo público da avenida Grupo Escolar xa foi derrubado. A empresa adxudicataria está avanzando nas obras e nas próximas semanas xa poderemos ver como se levantan pistas multideportivas e de skating, un circuíto de calistenia ou un pequeno rocódromo sobre o antigo e degradado campo de fútbol”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Este proxecto, que previsiblemente estará rematado antes das eleccións municipais de maio, leva xestándose desde os primeiros anos do mandato do Goberno municipal. En 2021, mesmo en tempos de pandemia, xa se construíu un circuíto asfaltado de pump track neste mesmo recinto municipal do Campo da Minada con 48.399,44 € do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
Con 1.200 m² de superficie, o pump track de Mondariz era no seu momento o circuíto asfaltado máis grande de Galicia. Esta innovadora actuación, que atende as actuais demandas de ocio da mocidade local, foi moi ben acollida dentro e fóra da localidade, situando a Mondariz como un referente.
Naquel momento xa se proxectaba converter o antigo e degradado campo de fútbol don Campo da Minada nun centro de ocio e deporte urbano. A oportunidade para emprender estas ambiciosas obras chegou a través do Plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) da Deputación de Pontevedra, que subvencionou o proxecto con 392.079 euros, o 90% do orzamento previsto.
“O centro de ocio e deporte urbano do Campo da Minada é un dos numerosos proxectos urbanísticos que estamos levando a cabo para situar as persoas no centro do espazo público e articular o desenvolvemento económico e turístico da localidade”, comenta Barros.
Nos últimos catro anos, o Concello de Mondariz ten solicitado e recibido numerosas e cuantiosas subvencións públicas para emprender proxectos de gran impacto, orientados todos eles á modernización de infraestruturas e servizos municipais. O desenvolvemento do centro de ocio e deporte urbano do Campo da Minada é un deles, pero tamén destacan actuacións como o cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público, a rehabilitación de edificios públicos para gañar aforro e eficiencia enerxética, a ampliación e mellora da senda fluvial de Laredo e a rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Redo na parroquia de Vilar, todos eles con financiamento asegurado e xa rematados ou en fases de execución e licitación.
A estes súmanse os proxectos de humanización e modernización que se están planificando ao abeiro do plan Ágora da Deputación de Pontevedra, así como os importantes recursos investidos na mellora das vías públicas, do abastecemento de auga e do servizo de xestión de residuos.