Mondariz | O Concello vén de instalar dous paneis divulgativos dos recursos patrimoniais de Mondariz nas praias fluviais do Ceo e O Val. Os paneis, que teñen un deseño actual e atractivo, recollen os principais recursos turísticos do concello en todas as parroquias e permiten descargar toda a información dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e inglés.
Os paneis tamén contan cun código Bidi que permite, mediante un servizo gratuíto dos teléfonos móbiles, acceder á localización de todos os recursos, de forma que ninguén se poida perder. Esta iniciativa está complementada con dous folletos turísticos, un breve e
outro máis amplo (ambos cofinanciados tamén pola deputación), que recollen os principais valores naturais e culturais cos que conta o noso concello, da Ponte de Cernadela ao Castelo do Sobroso, pasando polas praias fluviais e os sendeiros á beira dos ríos Tea, Xabriña e Aboal.
Colaboración coa Deputación
Os traballos de sinalización foron financiados pola Deputación de Pontevedra, que achegou un total 2.198,57 € a través dunha liña de subvencións convocada polo Servizo de Lingua e Cultura. Os paneis, instalados en puntos nodais do concello: a praia fluvial da Ponte de Cernadela (no barrio do Ceo) e a praia do Val (xusto ao pé da área de autocaravanas).
Con esta medida o Concello pretende favorecer o acceso aos principais recursos turísticos da localidade, así como permitir un coñecemento global das súas características, tanto para darnos a coñecer entre as persoas que non nos coñecen como favorecer a estancia dos que xa nos visitaron, pero aínda non coñecen todos os nosos valores patrimoniais.