Mondariz | O Goberno municipal vén de presentar un novo proxecto de renovación do campo de herba artificial valorado en 489.000€ para optar a fondos do programa provincial PON2030, deseñado para avanzar na consecución dos obxectivos 2030 e nas liñas mestras definidas para os fondos europeos Next Generation
O Goberno municipal de Mondariz está aproveitando o último treito do mandato para presentar solicitudes que aseguren financiamento público a diferentes proxectos de renovación de infraestruturas e dotacións municipais.
Recentemente solicitou unha liña de subvención do programa PON2030 da Deputación de Pontevedra para desenvolver un proxecto de mellora e ampliación das instalacións deportivas da Lagoa que inclúe a renovación do céspede artificial do segundo campo de fútbol, así como a instalación de placas fotovoltaicas para avanzar na eficiencia enerxética, a construción de varios espazos multifuncionais debaixo dos chanzos deste mesmo campo, pistas públicas de baloncesto e pádel, e humanización desta área deportiva con arbolado.
O proxecto está valorado en 489.000 euros e actúa sobre a rehabilitación de edificios e instalacións municipais de uso social, cultural, deportivo, turístico e de ocio, unha das liñas de investimento do programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030. “Mantivemos reunións coa directiva do Mondariz FC para informala e facela partícipe deste proxecto”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
As instalacións deportivas da Lagoa son municipais e constan de dous campos de fútbol. No segundo campo, de céspede artificial, adestran e xogan habitualmente as categorías inferiores e o equipo feminino do xa centenario Mondariz FC. Anualmente pasan por aí centos de rapaces e rapazas da escola de fútbol e doutros equipos visitantes. Durante os meses de verán, ademais, estas instalacións deportivas teñen sido sede do Campus do RC Celta de Vigo de fútbol base e do Campus Internacional MS2 de fútbol base.
Investimentos no campo municipal de fútbol da Lagoa
Durante o presente mandato, o Goberno municipal xa destinou uns 70.000 euros a mellorar as instalacións deportivas da Lagoa. En 2022 realizáronse no campo de fútbol principal obras de remodelación da bancada e outros elementos que aínda non estaban adaptados ás persoas usuarias con mobilidade reducida. Dos 62.000 euros investidos, 40.000 euros proviñan da Xunta de Galicia e 22.000 euros do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
Un ano antes, xa se instalaran equipamentos para o tratamento de auga valorados en 10.000 euros e procedentes do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. “Esta subministración tiña dous obxectivos principais: por unha banda, potabilizar a auga das instalacións deportivas, e por outra, controlar con maior eficiencia o consumo e o almacenamento de auga”, explica Poldo Tato, concelleiro de Deporte e Medio Ambiente.
Estas actuacións viñeron a solventar problemas relacionados coa subministración de auga e a accesibilidade que quedaron pendentes despois das obras de 2019, valoradas en 530.000 euros e financiadas pola Deputación de Pontevedra a través do Plan de Reequilibrio. Estas obras supuxeron a remodelación de vestiarios, baños, cantina, almacén e zona administrativa do campo de fútbol principal, onde xoga habitualmente o primeiro equipo do Mondariz FC. De acadar o financiamento previsto do programa provincial PON2030, o Concello de Mondariz tería investido nas instalacións deportivas da Lagoa unha suma aínda maior desde 2019.
“O parque empresarial non compromete o desenvolvemento das instalacións deportivas”
Na zona da Lagoa, próxima ao centro urbano de Mondariz, está proxectado o desenvolvemento dun parque empresarial adaptado ás necesidades do concello. Con todo, segundo afirma o alcalde, “o parque empresarial non compromete o desenvolvemento das instalacións deportivas”.
“Cos seus investimentos, o Goberno municipal está demostrando que valora e incentiva o carácter social e deportivo da Lagoa e outros espazos de actividade social, cultural e deportiva”, afirma Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.