Mondariz pon en marcha a campaña de recollida de alimentos de Nadal

Grazas á colaboración do comercio local e da AA.VV. Xabriña
Mondariz iniciou a campaña de recollida de alimentos para Nadal. Propietario da foto: futbolbalear.es

Mondariz | O Concello de Mondariz, a través da Concellería de Asuntos Sociais, acaba de pór en marcha a campaña municipal anual de recollida de alimentos para o Nadal 2021.

Desde o 15 de novembro até o 15 de decembro, as persoas que o desexen poderán colaborar con doazóns de alimentos non perecedoiros nos centros de recollida habilitados e con doazóns monetarias para o banco de alimentos a través de transferencias a unha conta bancaria (ES40 2080 0512 1030 0003 1553), co concepto “Alimentos Mondariz”.

Esta tradicional iniciativa solidaria de fin de ano ten o apoio e a colaboración do comercio local e de colectivos sociais como a AA.VV. Xabriña, entidade que axuda no proceso de recadación de doazóns monetarias para o banco de alimentos.

Os puntos de recollida de alimentos ascenden a oito: catro no casco urbano de Mondariz e outros catro nas parroquias de Riofrío, Gargamala, Sabaxáns e Vilasobroso.

“A recollida de alimentos correspondente a esta campaña de Nadal complementará a entrega prevista para o mes de decembro”, sinala o concelleiro de Asuntos Sociais, José Luis Fernández.

Cartaz da campaña.

O banco de alimentos é un programa de axuda xestionado polos servizos sociais comunitarios que trata de cubrir as necesidades máis básicas das familias con escasos recursos que se atopan en risco de exclusión.

Desde a Concellería de Asuntos Sociais búscase constantemente unha optimización do servizo, con repartimentos máis frecuentes e lotes máis variados en produtos de alimentación e hixiene.

Ademais da Cruz Vermella, no banco de alimentos colaboran empresas como Mascato, que este ano aportou 700 quilos de peixe conxelado.