Mondariz | O Concello de Mondariz acaba de activar unha app móbil que permite á poboación local comunicar incidencias para unha xestión máis participativa e eficiente das mesmas. Trátase dunha app chamada “Línea Verde” que se pode descargar gratuítamente nos dispositivos móbiles desde Google Play e App Store e se complementa cun sitio web para a mesma finalidade a través deste dominio.
“Ademais de fomentar a participación veciñal, esta ferramenta optimiza a organización na xestión e control das incidencias que se detecten e solucionen no concello. Estes datos son importantes para analizar a situación dos equipamentos e servizos municipais cada certo tempo”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
A app, unha vez descargada e instalada no dispositivo móbil, permite ás persoas usuarias rexistrar e enviar unha nova incidencia relacionada con alumeamento, abastecemento de auga, estradas municipais, saneamento, compostaxe orgánica, mobiliario urbano, recollida de lixo, recollida de residuos especiais para o punto limpo, recollida de vehículos, recollida de animais abandonados ou riscos sociais e sanitarios. A propia app, co xeoposicionamento habilitado, recoñece as coordenadas do lugar onde se localiza a incidencia e permite enviar unha fotografía. Unha vez enviada, esta comunicación de incidencia chega ao persoal do Concello de Mondariz para que se proceda á súa avaliación e solución. A persoa que fixo a comunicación da incidencia, así mesmo, recibe notificación no móbil cando cambia o estado da mesma.
“Antes da posta en marcha deste novo sistema de xestión de incidencias baseado nas novas tecnoloxías da información e da comunicación, o persoal do Concello de Mondariz recibiu formación para adaptarse. Detrás deste cambio hai un esforzo colectivo por mellorar a xestión dos servizos e equipamentos máis básicos, buscando calidade e eficiencia”, sinala Barros.
A través de Línea Verde, tanto da app móbil como do sitio web, as veciñas e os veciños da localidade tamén poden acceder a información medioambiental e mesmo realizar consultas específicas a persoas expertas nesta materia. “Para un concello rural como Mondariz, este servizo de consultoría medioambiental pode ser de especial utilidade”, asegura o alcalde.