Mondariz | O Concello de Mondariz corre o risco de acumular facturas de provedores no segundo semestre do ano que non poderá pagar nin recoñecer se non actualiza o orzamento municipal
O Goberno municipal en funcións, liderado polo BNG desde a Alcaldía e co PSdG-PSOE na concellería de Facenda, viña traballando desde hai meses nun plan de acción para presentar un novo orzamento no mes de xullo e asegurar a estabilidade económica-financeira do concello sen renunciar a oportunidades de investimento en infraestruturas e servizos públicos.
Desde que baixou do limiar dos 5.000 habitantes e viu reducidos os ingresos recibidos do Estado, o Concello de Mondariz presenta desequilibrios estruturais entre ingresos e gastos que inciden na situación económica-financeira da entidade local. “Non é un problema novo deste mandato: estamos falando dun déficit próximo aos 300.000 euros que se repite e mesmo medra ano a ano”, explica o alcalde en funcións, Xosé Emilio Barros. “Estamos por rematar o primeiro semestre do ano e a maioría das partidas orzamentarias están esgotadas. Non é un problema de liquidez, senón un problema de cobertura orzamentaria do gasto corrente”, apunta.
En previsión desta situación, o Goberno municipal que lideraba o BNG desde a Alcaldía e o PSdG-PSOE desde a concellería de Facenda tiña preparado un plan de acción para actualizar o orzamento municipal no mes de xullo e asegurar a estabilidade económica-financeira do concello sen renunciar a oportunidades de investimento en infraestruturas e servizos públicos.
O actual orzamento, correspondente ao ano 2021, fora aprobado en decembro de 2020 a través do trámite excepcional da cuestión de confianza, despois de ser rexeitado anteriormente polo Pleno da Corporación Municipal. Naquel plan orzamentario incluíranse partidas ata entón baleiras ou inexistentes, como as de investimentos, as do centro de día ou as relacionadas coa obriga legal de devolver ás entidades locais menores de Queimadelos e Vilasobroso un mínimo do 25% dos impostos devindicados neses territorios, en previsión do convenio de colaboración que se asinaría tempo despois.
“O Goberno municipal que liderei desde a Alcaldía foi o único que puxo de manifesto esta situación deficitaria crónica. Cada tres meses, a través da Comisión Especial de Facenda, o concelleiro José Luis Fernández deu conta detallada da situación económica-financeira do Concello de Mondariz aos grupos de oposición. A transparencia foi total”, comenta Barros. Neste sentido, no Pleno da Corporación Municipal tamén se debatiu sobre a necesidade de actualizar taxas e impostos municipais para incrementar os ingresos, coa negativa dos principais grupos de oposición.
“Somos conscientes de que estas son medidas altamente impopulares, pero estamos ante un grave problema que afecta á saúde económica-financeira do concello, á prestación de servizos municipais e ao desenvolvemento de accións de futuro”, afirma o xa alcalde en funcións.
Para corrixir este déficit estrutural entre ingresos e gastos, o Goberno municipal estaba traballando nun plan orzamentario que se complementaba cunha restruturación de recursos, entre outras medidas. Durante os últimos catro anos tamén se avaliaron polo miúdo as necesidades do concello e os contratos de subministración de servizos para gañar en control e eficiencia nos gastos correntes.
Investimentos xa executados ou en proceso de execución como os proxectos de aforro e eficiencia enerxética cofinanciados pola Unión Europea a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico contribuíron a sentar as bases dun progresivo aforro na factura eléctrica do concello (un 70% despois do cambio a LED da rede municipal de alumeado público).
Investimentos previstos para este ano que están en risco
O Goberno municipal deixou totalmente asegurados antes das eleccións municipais do 28 de maio investimentos de gran impacto como o cambio a LED do alumeado público, a mellora e ampliación da senda fluvial de Laredo entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro e a construción dun centro de ocio e deporte urbano no Campo da Minada, que están actualmente en fase avanzada de execución.
Quedou sen licitar o proxecto de rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Redo, na parroquia de Vilar, que ten concedidos 211.275,24 euros do PIREP, a cargo de fondos europeos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Os case 68.000 euros restantes, que deben ser asumidos polo Concello de Mondariz, agardan confirmación da Deputación de Pontevedra para ser incluídos no Plan Concellos 2023.
Nos últimos meses, con todo, o Goberno municipal presentou proxectos para o desenvolvemento dun centro de interpretación da cestaría valorado en 120.000 euros e a creación dunha senda da levada na parroquia de Toutón, na contorna da carballeira de Aboal, que xa ten concedidos 30.000 euros de Turismo de Galicia.
“Estes proxectos requiren que o Concello de Mondariz destine preto de 80.000 euros (50.000 euros para o centro de interpretación da cestaría e 30.000 euros para a senda da levada de Toutón), mais se non se actualiza o orzamento municipal durante o verán vai ser difícil dispoñer destes fondos propios para poder licitalos e executalos”, advirte Barros.
A estes proxectos súmanse outros xa planificados ou solicitados que están agardando resolución respecto do seu financiamento. Por unha banda, aspira a 600.000 euros de fondos europeos para a modernización integral das actuais instalacións da rede municipal de abastecemento de auga a través do PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) de dixitalización do ciclo da auga que lidera a Deputación de Pontevedra.
Por outra, está o proxecto de mellora e ampliación das instalacións deportivas da Lagoa para renovar o campo de herba artificial, valorado en 489.000 euros e que opta a fondos do programa provincial PON2030. Ademais, o ambicioso proxecto de restauración e revalorización dos cruceiros e dos petos de ánimas do Concello de Mondariz, valorado en case tres millóns de euros e que opta a fondos europeos NextGenerationEU, dentro do programa de mellora da competitividade e dinamización do patrimonio histórico con uso turístico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno español. En previsión da próxima convocatoria de axudas europeas, tamén se deixou redactado un proxecto para a mellora e ampliación das instalacións deportivas do Val que inclúe un parque temático para as crianzas e un centro de recepción para trails, entre outras infraestruturas.
“Para avanzar nestes e noutros proxectos de futuro que precisa Mondariz para non esmorecer, xerar desenvolvemento económico sostible e gañar poboación é necesario gobernar con máximo rigor e valentía, sen populismos e asumindo a responsabilidade da xestión política”, conclúe Barros.