Mondariz | Este martes, 14 de marzo, as directivas das traídas veciñais de auga que participan desta iniciativa están convocadas á presentación final do plan municipal de abastecemento autónomo, desenvolvido no Concello de Mondariz desde outubro de 2021 para analizar a situación das traídas veciñais de auga e propoñer melloras técnicas
O Concello de Mondariz foi en 2021 un dos seis concellos galegos seleccionados para participar no proxecto de plans municipais de abastecemento autónomo, promovido pola Concellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia. Este mes, case ano e medio despois de que se iniciaran os traballos técnicos, vaise presentar o resultado final do plan municipal de abastecemento autónomo para traídas veciñais da localidade.
As directivas das 16 traídas veciñais de auga que participaron desta iniciativa están convocadas este martes, 14 de marzo, á xornada de presentación final do plan municipal de abastecemento autónomo, que terá lugar ás 18:30 horas na biblioteca municipal de Mondariz. Previamente, xa foran reunidas en outubro de 2021 para ser informadas do proxecto, e en outubro de 2022 para recibir información sobre as actuacións propostas polo persoal técnico que realizou os traballos de inventario e estudo de infraestruturas.
Estas xuntanzas, que congregaron a decenas de persoas vinculadas ás traídas veciñais, serviron para poñer de manifesto as principais preocupacións compartidas: a calidade e a cantidade de auga, así como o estado das instalacións e a súa xestión no que respecta ao mantemento e aos custos.
A elaboración do plan municipal de abastecemento autónomo organizouse en tres fases. A primeira consistiu en realizar un inventario dos sistemas, con visitas técnicas para inspeccionar os distintos elementos das traídas, recompilar datos e elaborar planos, e unha análise da calidade das augas, con informes técnico-sanitarios de avaliación do estado de cada un dos sistemas. Na segunda fase propuxéronse melloras para cada traída e valoráronse economica e comparativamente as propostas realizadas para cada sistema. O obxectivo último, materializado na terceira fase do proxecto, era crear un documento final no que se amosasen os traballos feitos e se ofrecese unha guía para priorizar actuacións no termo municipal.
“Este plan municipal de abastecemento autónomo para as traídas veciñais de auga é unha iniciativa moi importante que pon de manifesto a preocupación que ten este Goberno municipal pola xestión dun recurso tan básico como a auga”, afirma Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. “Entre as expresións de interese recibidas para participar nesta iniciativa, Augas de Galicia analizou as propostas e seleccionou os concellos máis adecuados e comprometidos para o desenvolvemento destes plans”.
O abastecemento de auga, entre as prioridades do Goberno municipal desde 2019
A mellora da rede de abastecemento de auga converteuse nunha área prioritaria do Goberno municipal de Mondariz durante os últimos catro anos. “Atopámonos cunha situación de total abandono político nunha área de vital importancia que estamos tratando de solucionar. A mediados de 2020, tras detectar graves irregularidades administrativas, iniciamos un proceso de regularización de 21 captacións de auga e depósitos da rede municipal de abastecemento de auga. Anualmente tamén estamos investindo recursos públicos en obras de mellora de canalizacións e depósitos de auga”, comenta o alcalde de Mondariz.
A obra máis significativa dos últimos anos foi a rehabilitación integral do depósito do muíño de Luís, no centro urbano de Mondariz, a finais de 2021, que incluíu traballos de impermeabilización interior para evitar filtracións de auga, así como unha adecuación dos tubos á normativa. O custo desta intervención municipal superou os 90.000 euros, que se financiaron a través da Xunta da Galicia (50.000 euros) e da Deputación de Pontevedra (41.000 euros). En 2020, ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, xa se fixeran obras no depósito de Santa Baia, na parroquia de Lougares, e no tubo que abastece de auga á parroquia de Vilar.
“Actualmente estamos traballando na solicitude dun PERTE para a dixitalización do ciclo da auga, aproveitando as oportunidades de financiamento europeo que xestiona o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico”, avanza Xosé Emilio Barros.
Con todo, o Goberno municipal de Mondariz tamén está tratando de promover o modelo tradicional de abastecemento autónomo que representan as traídas veciñais de auga, tanto con iniciativas como o plan municipal de abastecemento autónomo como con axudas económicas para as traídas veciñais de auga e a posta en valor da participación veciñal. Hai uns meses, sen ir máis lonxe, proxectou no auditorio municipal o documental “A auga que trouxeron”, un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia realizado por Beatriz Vázquez Campaña e Alberte Román Losa, de Trespés Filmes, no que tamén colabora o Concello de Mondariz.