Mondariz | Lorenzo Rivera e Alberto Muíños presentaron o seu coche de rally Lortsport co que afrontarán esta nova tempada de competicións.
A praza de Mondariz acollerá este evento no que non faltarán actividades para todos os públicos. O Peugeot 206 da agrupación 4 e con 1600ccc competirá dentro do Volante FGA. Mañá domingo protagonizará unha xornada que, segundo explica Lorenzo Rivera, “será entretida para todas e todos co obxectivo de achegar o mundo do motor ao noso pobo e así seguir mellorando a sua percepción de cara ás persoas non aficcionada e, sobre todo, trasladando esta paixón ás nenas e nenos”.
Unha paixón que este veciño do Ceo leva dentro dende a infancia, cando seu pai o levaba a aquelas primeiras competicións. “Meu pai levoume por primeira vez a un con so dous anos e dende ese momento quixen estar aí dentro. Empecei a correr rallys hai tres anos con este Peugeot 206 e este ano participaremos en 5 rallys do campionato galego de rallys dentro da copa xa mencionada, o Volante FGA”. Correrán tamén o Rally de Noia, o Mariña Lucense, o Sur do Condado, o rally de Ferrol e o Ribeira Sacra.
Seguirán aprendendo en cada proba, así o asegura, e adianta que conta cun novo piloto con moita experiencia. “Sabemos que loitar por estar nos postos de cabeza é moi dificil xa que compite xente con moita expetiencia pero imos tentar achegarnos”.
Mañá domingo de 16 a 20 horas haberá obradoiros de maquillaxe e simuladores de pilotaxe para as e os máis cativos, exposición de coches, venda de camisetas e pegatinas e sorteos. O Concello de Mondariz convida a participar e gozar dunha tarde diferente na que aprender sobre o mundo do motor.
Lorenzo quere trasladar o seu agradecemento a todos os patrocionadores, equipo, familia e colaboradores. “Temos que estar moi agradecidos polos apoios que temos, o noso equipo, as nosas familias e todos os patrocinadores que fan un grande esforzo por axudarnos a estar na salida de cada rally e estamos moi orgullosos de telos o noso lado”.
Asegura tamén que actualmente é moi dificil conseguir apoios “xa que normalmente nos medios solo se amosa a parte mala do automobilismo, sen embargo detrás hai moitos afeccionados cunha gran paixón. Escoitar a xente gritar e animar co paso dos coches é unha sensación incrible”.
Por último engade que “neste deporte é moi dificil adestrar e por iso lle agradecemos ao Concello de Mondariz os esforzos que está facendo para intentar que teñamos a posibilidade de poder probar o coche”.