Mondariz | O auditorio municipal de Mondariz acolle este sábado 17 de decembro, a partir das 20:00 horas, a proxección do documental “A auga que trouxeron”, un traballo de Beatriz Vázquez Campaña e Alberte Román Losada, de Trespés Filmes, no que tamén colaborou o Concello de Mondariz.
“A auga que trouxeron”, que inclúe escenas rodadas en Mondariz, constrúe un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia. Estes sistemas son resultado dun proceso histórico onde a veciñanza xogou un papel importante, pois en moitos casos foron os propios veciños quen as construíron, financiaron e xestionaron.
Este modelo ofreceu un sistema de abastecemento autónomo adaptado ao contexto territorial do país, caracterizado pola alta dispersión poboacional. Esta realidade permanece a día de hoxe, mantendo unha xestión autónoma por parte da veciñanza.
O documental olla cara o pasado para recoñecer o esforzo colectivo que significou levar a auga ás casas nunha Galicia rural sen servizos básicos garantidos. Analiza o presente, cos seus retos e conflitos, e albisca o camiño a percorrer para unha realidade do común que xestiona un ben tan importante como é o da auga e que debe facer fronte a ameazas como o despoboamento rural ou a seca.
O Goberno municipal, comprometido coa mellora do abastecemento de auga
A proxección deste documental estará acompañada dun coloquio cos cineastas sobre o filme que contribuirá a poñer en valor as traídas veciñais de auga. Esta actividade coincide cos avances no plan municipal de abastecemento autónomo, promovido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia e iniciado o ano pasado de xeito pioneiro en seis concellos galegos que mostraron interese en participar, entre eles Mondariz.
“Este Goberno municipal está moi comprometido coa mellora dos servizos máis básicos, e o abastecemento de auga é un deles. Promovemos o abastecemento autónomo porque consideramos que é o modelo de xestión máis eficiente. Por iso aproveitamos esta oportunidade de avaliar a situación que supuña participar no proxecto de plans municipais de abastecemento autónomo”, declara o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
O plan municipal de abastecemento autónomo foi presentado nun acto público coas traídas de augas veciñais en outubro de 2021. Naquel evento, que congregou a decenas de persoas vinculadas ás traídas de auga veciñais do concello, puxéronse de manifesto as principais preocupacións compartidas: a calidade e a cantidade de auga, así como o estado das instalacións e súa xestión no que respecta a mantemento e custos.
A primeira fase consistiu en realizar un inventario dos sistemas, con visitas técnicas para inspeccionar os distintos elementos das traídas, recompilar datos e elaborar planos, e unha análise da calidade das augas, con informes técnico-sanitarios de avaliación do estado de cada un dos sistemas.
A segunda fase, que é o momento actual deste conxunto de traballos, implica elaborar propostas de mellora para cada traída, así como valorar economica e comparativamente as propostas realizadas para cada sistema. O pasado mes de outubro, as directivas das 16 traídas veciñais de auga que participan no proxecto foron informadas das actuacións propostas polo persoal técnico que realizou os traballos previos de inventario e estudo. O obxectivo último é crear un documento final no que se expoñan os traballos feitos e poida servir de guía para establecer prioridades de actuación no termo municipal.
Alén deste plan municipal de abastecemento autónomo, o Goberno de Mondariz tamén está a traballar en proxectos relacionados coas traídas de xestión municipal, coa finalidade de avaliar a situación actual das infraestruturas e sentar as bases que permitan solicitar financiamento, quizais a través do fondos europeos Next Generation, para a súa necesaria e urxente modernización.
“Un dos traballos máis importantes e menos visibles deste Goberno municipal desde 2019 foi estudiar en profundidade a situación das infraestruturas e dos servizos públicos do Concello de Mondariz para coñecer as necesidades reais e priorizar as actuacións. É un traballo que non se estaba facendo, especialmente en relación ao abastecemento de auga, pero que resulta clave para optimizar recursos e gobernar con visión de futuro. Para nós, é unha cuestión de responsabilidade”, conclúe Barros.
Documental “20 anos de dignidade” sobre o Prestige
Este luns, 19 de decembro, están programadas dúas proxeccións ás 16:15h e ás 20:30h no auditorio municipal de Mondariz, unha delas especialmente dirixida á mocidade que estuda no CPI de Mondariz
Trátase dunha actividade de acceso libre e gratuíto que chega a seis concellos da provincia da man da Deputación de Pontevedra
Mondariz é un dos seis concellos da provincia, e o único da comarca de Condado-Paradanta, que proxectará este mes o documental “20 anos de dignidade” sobre o afundimento do Prestige nas costas galegas hai dúas décadas. “O solicitamos nada máis coñecer a convocatoria da Deputación de Pontevedra para proxectar en concellos da provincia este documental, e fomos un dos seis concellos seleccionados”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. A proxección está programada para este luns, 19 de decembro, en dous horarios: 16:15 e 20:30 horas. O primeiro pase está especialmente dirixido ás novas xeracións que non viviron a catástrofe medioambiental, pois un dos obxectivos desta actividade é precisamente facer memoria.
O documental está dirixido por José Manuel Aragunde Pereira e ten unha duración de 45 minutos. A peza audiovisual transmite un relato do acontecido no momento do afundimento, amosando imaxes do estado da costa galega, das praias, da flora e da fauna afectadas polo chapapote derramado. Conta con entrevistas a un amplo sector da sociedade que viviu a situación en primeira persoa, desde xente do mar que saíu a frear a marea negra ao voluntariado, pasando polas persoas que se encargaron da xestión.
A proxección lembrará os feitos que están e se manterán na memoria das persoas que viviron o suceso no seu momento: que o accidente trouxo consigo un gran desastre económico coa prohibición de pescar e mariscar desde o 16 de novembro de 2002 e durante varios meses, feito que ocasionou grandes perdas económicas a todas as persoas vinculadas, tanto directa como indirectamente, co sector do mar.
Mondariz é o único concello da comarca de Condado-Paradanta que proxectará este documental de referencia sobre os 20 anos da catástrofe do Prestige. Dentro do mesmo programa da Deputación de Pontevedra, tamén será proxectado nos concellos de Gondomar, Meis, Vilagarcía de Arousa, Poio e Moaña.
“Con esta actividade demostramos unha vez máis que estamos comprometidos coa memoria histórica e o país a través da nosa programación cultural”, sinala o alcalde Mondariz.