Mondariz | O Concello de Mondariz recibiu aprobación para a redacción subvencionada de catro proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís e/ou ciclables, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra no marco da Rede Ágora que foi solicitada hai uns meses.
O importe total desta subvención ascende a 49.876,20 €, e está dividido en catro proxectos nas parroquias de Mondariz, Sabaxáns e Lougares: proxecto de humanización da praza de Merouces (12.196,80 €), proxecto de acondicionamento da contorna da igrexa de Sabaxáns e da senda aos petróglifos de Pé da Mula (16.008,30 €), proxecto de nova praza pública no barrio do Couto (10.563,30 €), e proxecto de acondicionamento do acceso á ponte de Cernadela (11.107,80 €).
Durante a redacción técnica destes proxectos tamén se realizarán traballos de cartografía e topografía, xeoloxía e xeotecnia, estudo climático, análise do patrimonio cultural e arqueolóxico existente, estudo da vexetación, xardinaría e paisaxismo, así como unha recompilación de información das instalacións urbanas (electricidade, alumeado público, auga, saneamento, rego, telecomunicacións,…) e un deseño de novas redes e sistemas eficientes de conservación e mantemento das mesmas. “Estes traballos son fundamentais para sentar as bases da modernización municipal de infraestruturas e servizos públicos”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
Humanización da praza de Merouces (Mondariz)
A redacción técnica deste proxecto está subvencionada con 12.196,80 €. O proxecto de humanización da praza de Merouces abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 2.227 metros cadrados, nun cruce de camiños delimitado pola avenida do Grupo Escolar e a rampla de Merouces.
Prevese un aumento da superficie peonil e un tratamento da superficie gañada con materiais de elevada calidade (pavimentos de granito, mobiliario, iluminación e vexetación) que terán un impacto positivo na
actividade económica de proximidade.
Acondicionamento da contorna da praza da igrexa de Sabaxáns e da senda aos petróglifos de Pé de Mula (Sabaxáns)
A redacción técnica deste proxecto está subvencionada con 16.008,30 €. O proxecto de acondicionamento da contorna da igrexa de Sabaxáns e da senda aos petróglifos de Pé da Mula abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 4.719 metros cadrados no centro da parroquia de Sabaxáns, que conta cun notable interese pola proximidade do conxunto arqueolóxico dos petróglifos de Pé da Mula, así como o antigo balneario, ademais da propia contorna da igrexa.
A proposta reduce considerablemente o espazo dedicado ao tráfico motorizado, limitando o acceso ó centro do núcleo para o tráfico de necesidade, e deseñando unhas prazas de estacionamento para visitantes. A pavimentación das zonas peonís realizarase con materiais de gran calidade, como lousa, adoquin de granito, formigón desactivado e terra compactada, que se concretarán na fase de proxecto.
Proxecto de nova praza pública no Couto (Lougares)
A redacción técnica deste proxecto está subvencionada con 10.563,30 €. O proxecto de nova praza pública no barrio do Couto, na parroquia de Lougares, abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 2.018 metros cadrados situado nun cruce de camiños sinalado por un cruceiro que marca o acceso a un núcleo cunha paisaxe rural dunha certa calidade arquitectónica e ambiental.
Proxecto de acondicionamento do acceso á ponte de Cernadela (Mondariz)
A redacción técnica deste proxecto está subvencionada con 11.107,80 €. O proxecto de acondicionamento do acceso á ponte de Cernadela abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 2.024 metros cadrados situado na ribeira do río Tea, nunha área de enorme valor paisaxístico e patrimonial.
As actuacións proxectadas supoñen, ademais das melloras na mobilidade e seguridade, un incremento notable da superficie peonil que supera os requisitos do Plan Ágora 2022.
Mondariz é un dos 54 concellos da provincia de Pontevedra que integran a rede Ágora, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra nos últimos anos para promover a recuperación do espazo público para as persoas. Ademais de participar activamente nas actividades formativas da rede Ágora, articuladas na denominada Facultade Ágora, o Goberno municipal está aproveitando as diferentes liñas de subvención deste plan para sentar as bases dunha profunda modernización das infraestruturas municipais.
O ano pasado solicitou con éxito unha subvención para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos para as persoas e a creación de sendas peonís e/ou ciclables no ámbito municipal, por valor de 50.000 euros, con vistas a humanizar o centro urbano da localidade, sendo un dos concellos solicitantes con maior puntuación na avaliación final de propostas.
O obxectivo do Plan Ágora é que os concellos da rede incrementen de xeito substancial o espazo reservado ás persoas, cumprindo unha serie de principios que están na base da mellora da calidade de vida, como considerar o espazo público como un dereito, dar prioridade ás persoas, fomentar unha mobilidade inclusiva que tamén teña en conta as mobilidades alternativas, garantir a autonomía infantil en espazos seguros, cun hábitat saudable. Esta filosofía está orientada a crear espazos amables, de calidade, que promovan unha actividade económica de proximidade.
“Polo momento, estas subvencións permiten financiar a redacción técnica de proxectos. Aínda que teñamos que agardar certo tempo para ver resultados, esta etapa é moi importante porque senta as bases de futuros desenvolvementos que marcarán a modernización das infraestruturas municipais, buscando unha humanización do espazo público”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.