Mondariz | Despois das obras de reparación na ponte que une Mondariz e Mondariz-Balneario pola estrada autonómica PO-254, a Xunta de Galicia introduxo severas restricións á circulación de vehículos de máis de 3,5 t sen previo aviso nin xustificación, feito que indignou ao Concello de Mondariz
O alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, contactou coa Axencia Galega de Infraestruturas e a Xefatura Territorial de Infraestruturas da Xunta de Galicia para reclamar a retirada inmediata da sinalización que limita a circulación de vehículos de máis de 3,5 toneladas pola estrada autonómica PO-254 e pedir explicacións ao respecto desta medida unilateral.
Esta nova restrición, que non foi anunciada nin comunicada previamente ao Concello de Mondariz, foi introducida despois das obras de reparación na ponte que une Mondariz e Mondariz-Balneario pola estrada autonómica PO-254, que se prolongaron durante varios meses e foron cuantificadas pola propia Xunta de Galicia en 1,4 millóns de euros.
“Estamos preocupados polas consecuencias sociais e económicas que causa esta medida, xa que estamos a falar dunha vía de comunicación fundamental para Mondariz. Compartimos a indignación da veciñanza máis afectada pola restrición e insistiremos ata lograr unha solución”, sinala Barros.