“Mondoñedo, un municipio para investir”

 

Madrid | A Delegación da Xunta en Madrid/ Casa de Galicia acolleu o día 19 a presentación do Informe “Mondoñedo, un municipio para investir”, un estudo encargado polo concello e que a alcaldesa da cidade María Elena Candia López expuxo porque “pon en valor e dá a coñecer os recursos que temos e así captar investimentos para a nosa localidade”. Ao acto asistiron máis de sesenta persoas entre as que se atopaban empresarios, deputados, destacados cargos das diferentes administracións así como relevantes profesionais de variados sectores.

“Dicir Mondoñedo é evocar ilustres personalidades como Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga, Pardo de Cela, Noriega Varela, Mariña Mayoral ou o Rey das tortas, e ata o mismísimo Meigo Merlín”

O Delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega tras as palabras de benvida fixo un pequeno repaso pola ampla traxectoria da alcaldesa. Na presentación comentou que Mondoñedo posúe unha importante cultura castrexa, numerosos castros, dólmenes, petróglifos, calzadas romanas” e unha diocese de tanta fama como importancia. “Mondoñedo é unha xoia e as súas xentes un orgullo para Galicia”, asegurou. “Dicir Mondoñedo é evocar ilustres personalidades como Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga, Pardo de Cela, Noriega Varela, Mariña Mayoral ou o Rey das tortas, e ata o mismísimo Meigo Merlín”.
Pola súa banda, a alcaldesa María Helena Candia precisou que o informe, realizado por profesionais independentes e que xa foi presentado noutras cidades, sinala de Mondoñedo “a súa especial situación xeográfica, a súa proximidade ao mar e aos fluxos turísticos, os seus enclaves turísticos máis destacados, o rico patrimonio histórico e arqueolóxico, as tradicións culturais e a gastronomía, as actividades produtivas, os recursos naturais da localidade, que dispón de chan industrial a prezos alcanzables, sen esquecer as instalacións industriais, inmobles para lecer, os incentivos públicos para crear empresas e moitas oportunidades relacionadas co potencial turístico e agroalimentario. Tamén están os sectores forestal, eólico, louseiro, agroalimentario, inmobiliario, e a artesanía.
“Mondoñedo ten moitas posibilidades de futuro e con este documento pretendemos dalas a coñecer”, subliñou a rexedora quen sinalou ademais que o turismo supón un sector estratéxico e dinamizador da economía local, polo que “estamos empeñados para que as nosas accións logren os mellores resultados”. Neste sentido comentou que a presenza en FITUR persegue ese obxectivo, “lograr máis turistas e chegar a acordos con turoperadores, como xa se fixo en edicións anteriores para seguir consolidando a visita de grupos e familias”. De feito, comentou que o seu equipo logrou xestionar reunións con 15 axencias de viaxes e delas tres, con posibilidades para que tamén invistan no municipio.
O acto finalizou cunha quenda de preguntas e intervencións e tamén houbo un tempo de networking para facilitar as relacións e intercambio de contactos, primeiro paso imprescindible neste tipo de promocións.