Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou no Campo de San Antonio a carpa da campaña informativa sobre a reciclaxe de residuos domésticos, que foi dirixida a todos os monfortinos e monfortinas, e que estivo organizada polas Concellerías de Medio Ambiente e Servizos do Concello de Monforte.
A visita serviu para clausurar unha campaña informativa que deu comezo o pasado 29 de novembro e que se estendeu ata o 23 de decembro. “Baixo o lema Usa os colectores de cores: si ti separas, nós reciclamos, o noso obxectivo”, sinalou o alcalde, “foi informar ós nosos veciños e veciñas, así como os comerciantes de Monforte sobre as claves para que poidan levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que xeran nos seus fogares”.
O técnico medioambiental explicou tanto ó Alcalde como á primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros de Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada e Miguel Tomé, o desenvolvemento desta campaña na cidade e nas parroquias de Monforte.
O alcalde destacou que “este ano, como novidade, quixemos achegar esta información directamente ó cidadán. Para isto fixemos una campaña informativa porta a porta, desenvolta por unha persoa especializada en medio ambiente que fixo visitas domiciliarias, tanto no núcleo urbano como nas diferentes parroquias, e que tivo moi boa resposta por parte da cidadanía”.
Dese xeito, fíxose un reparto de folletos informativos, tanto no casco urbano por barrios así como nas parroquias, nos que se explicaron as diferentes fraccións a reciclar, así como os teléfonos de contacto e horarios de apertura do punto limpo de Monforte.
No ámbito urbano aproveitouse tamén para facer visitas ós comercios, recordándolles os diferentes servizos cos que poden contar, como pode ser a recollida porta a porta do cartón comercial, indicando os puntos de recollida máis próximos e os horarios de recollida.
Finalmente dende o 20 de decembro e antes do inicio do período navideño, o Concello ubicou unha carpa informativa na zona centro da cidade, na rúa Cardenal e no Campo de San Antonio, na que o técnico medioambiental achegou ós veciños a información destinada a tal fin.
Mellorar o ratio na reciclaxe de residuos
Con esta campaña informativa o Concello busca tratar de mellorar os ratios de reciclaxe de todas as fraccións recollidas de forma selectiva, ben sexan envases, papel/cartón e vidro, xunto con outros residuos que se recollen de forma separada, como son os mobles e enseres, aceite e roupa usada.
Tamén trátase de fomentar o uso do punto limpo, tratando de eliminar os vertidos incontrolados que se producen de forma periódica en diferentes puntos do Concello.
A campaña tamén tivo unha presencia destacada en prensa e radio, a través dunha campaña publicitaria, coa publicación de anuncios e cuñas publicitarias nos diferentes medios de Monforte.
A campaña incidiu especialmente no tipo de residuos que se deben depositar en cada un dos colectores específicos que para elo pon o Concello a disposición dos cidadáns: Colector azul: no que se poden depositar todo tipo de produtos de papel: revistas, follas, xornais, caixas de cartón, envoltorios… E nel non se pode depositar nada que non sexa de papel ou cartón, por exemplo, bolsas de plástico, briks, envases, etc. Colector amarelo: é o que recolle os envases de plástico, como botellas de auga, briks de zume ou leite, latas de refresco, conservas, etc. Neste colector non se poden depositar residuos tales como CD’s, roupa, bombillas, residuos orgánicos ou produtos contaminantes. Colector verde: o destinado ós envases de vidro, tales como botellas ou tarros. Non admite todo aquelo que non sexa vidro: tapóns e tapas dos tarros, cristais de espellos e ventás.