Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, presentou na explanada da Compañía a nova flota de vehículos e maquinaria destinados á limpeza viaria tanto da zona urbana como das parroquias de Monforte. No acto estivo acompañado polo director da Delegación Noroeste de FCC Medio Ambiente, Ernesto Barrio, a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.
A adquisición destes novos elementos de limpeza viaria son froito das negociacións do alcalde, coa empresa FCC Medio Ambiente, que supuxeron a renovación do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.
Deste xeito, “presentamos hoxe un total de 10 vehículos e 16 equipos e maquinaria de limpeza, a partida máis importante adquirida en Monforte para renovar o servizo de limpeza viaria do noso Concello, cunha inversión de case 915.000 euros (914.611,38 €)” destacou José Tomé Roca.
A presentación serviu tamén para dar a coñecer a nova imaxe corporativa coa que se rotularon os novos vehículos e equipamentos adquiridos, imaxe deseñada polo equipo de goberno monfortino. O novo deseño corporativo inclúe a fotografía do conxunto de San Vicente e a Torre da Homenaxe, que está enmarcada polo lema “Monforte Limpo. Patrimonio de todos”.
Entre as melloras acadadas tralas negociacións que supuxeron a prórroga do contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, subscrito entre o Concello de Monforte e FCC Medio Ambiente, a empresa concesionaria xa levou a cabo, dende principios deste ano 2021, a renovación de 297 papeleiras da cidade, por 43.938 euros, e a instalación en todo o Concello de 3.880 novos cubos e colectores de lixo, cunha inversión total de case 299.000 euros (298.817,59 €). Coa inversión en vehículos e equipos presentada hoxe, supéranse os 1,2 millóns de euros (1.257.366,97 €) en melloras desenvoltas polo Concello no servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na cidade.
“Esta inversión en equipos de limpeza viaria terá unha gran importancia para a mellora xeral do aspecto da cidade e das parroquias, porque ademais poremos en marcha novos servizos como son o decapado de pavimentos e a limpeza de maleza en camiños municipais, que suporán un complemento para a mellora xeral do servizo que prestamos ós nosos cidadáns”, destacou o rexedor monfortino na presentación.
“O contrato de prórroga subscrito entre o Concello de Monforte e a empresa FCC Medio Ambiente contempla a renovación da totalidade da maquinaria inicialmente adquirida para a prestación do servizo”
O contrato de prórroga subscrito entre o Concello de Monforte e a empresa FCC Medio Ambiente contempla a renovación da totalidade da maquinaria inicialmente adquirida para a prestación do servizo.
Ademais da renovación desta maquinaria, no acordo alcanzado entre o alcalde e a empresa concesionaria do servicio, contemplouse a incorporación de varios equipos coa finalidade de poñer en marcha novos servizos, que puideran complementar e mellorar os servizos xa existentes.