Monforte de Lemos | Carlos Fitz-James Stuart e Martínez de Irujo, duque de Alba e desde o 2015 vixesimoterceiro conde de Lemos, xa é fillo adoptivo de Monforte. A corporación municipal decidiuno nun pleno extraordinario no que quedou aprobado definitivamente o novo regulamento de honras e distincións. PSOE, que tén maioría no goberno local, e PP votaron a favor, mentres que BNG e Esperta Monforte fixérono en contra.
O nomeamento de fillo adoptivo formalizarase nunha sesión solemne que terá lugar no salón de plenos do consistorio o próximo sábado 29 de xuño, con motivo da visita de tres días de duración que realizará a Monforte o duque de Alba. Emilio Sánchez, portavoz do BNG, avanzou que os dous concelleiros nacionalistas da corporación non acudirán ó acto.
O regulamento de honras e distincións estreouse coa concesión dese recoñecemento a Carlos Fitz-James Stuart, despois de que a corporación cumprise co trámite da súa aprobación definitiva. Recibira o visto e prace inicial no pleno, no pasado mes de abril, e o prazo de exposición pública finalizou o pasado 5 de xuño, cando se fixeron públicas as datas da visita do duque de Alba a Monforte, sen que se presentasen alegacións. “Non as houbo nin por parte de particulares, nin de asociacións nin de partidos políticos”, sinalou o alcalde, José Tomé.
Carlos Fitz-James Stuart e Martínez de Irujo recibirá no pleno do próximo sábado 29 de xuño as credenciais correspondentes ao nomeamento como fillo adoptivo de Monforte: certificado do acordo, diploma acreditativo, e medalla conmemorativa e insignia oficial do Concello.
A sesión solemne comezará ás once e media da mañá dese día e estará aberta ao público. Non haberá intervencións dos partidos, xa que o acordo de nomeamento foi previo. Só tomará a palabra o alcalde, na súa condición de presidente, e o homenaxeado, que está previsto que ofreza un breve discurso tras a formalización do nomeamento.
“Vai ser unha sesión solemne, como as de apertura das cámaras despois dunhas eleccións”, explica o alcalde. Co regulamento de honras e distincións, dixo, dáse soporte legal a un tipo de recoñecementos que xa se efectuaron con anterioridade sen contar a regulamentación á que se deu o visto e prace definitivo no pleno deste mércores.
Dous dos anteriores nomeamentos de fillo adoptivo de Monforte foron a título póstumo e recaeron respectivamente en Xosé Cuíña, que fora conselleiro con Manuel Fraga, e Celestino Torres López, que fora alcalde de Monforte. O terceiro recaeu na xornalista monfortina Julia Otero que desenvolve a súa actividade radiofónica en Barcelona.
BNG e Esperta Monforte coincidiron en que o actual duque de Alba non se significou ata a data pola súa vinculación a Monforte. O alcalde, pola súa banda, pediu respecto institucional para este recoñecemento e insistiu en que supoñerá unha importante promoción para Monforte a “custe case cero”, xa que o Concello só farase cargo das comidas e as dúas noites de aloxamento no parador de turismo de San Vicente do Pino.
Na foto, o duque de Alba intervindo na presentación do libro sobre o sétimo conde de Lemos no palacio de Liria.