Monforte obtén cinco certificacións da Marca Q de Calidade Turística

O consolidan como destino turístico responsable, accesible e de excelencia

Monforte de Lemos | “A certificación da Marca Q de Calidade Turística, outorgada polo Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), é o distintivo de calidade do sector turístico do noso país, e Monforte foi o único Concello que obtén cinco Q de Calidade xuntas, o que demostra que, algo estamos facendo ben”, salientou José Tomé na rolda de prensa ofrecida ós medios de comunicación.

Deste xeito, auditáronse, a cargo da empresa independente Aenor, cinco espazos turísticos de Monforte, que acadaron esta certificación da Marca Q de Calidade Turística: a Oficina de municipal de Turismo, o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, a Oficina municipal de Atención ó Peregrino do Camiño de Inverno, o Miradoiro do Duque e a Torre da Homenaxe de San Vicente.

Estes espazos superaron con éxito os esixentes criterios de calidade establecidos polo ICTE, que avalían aspectos como a atención ao cliente, a accesibilidade, a seguridade, a sustentabilidade e a calidade dos servizos ofrecidos aos turistas.

“Con esta certificación” subliña o alcalde, “o Concello de Monforte de Lemos, reafirma o seu compromiso co turismo de calidade e a mellora continua da experiencia dos nosos turistas. Este recoñecemento non só pon en valor os espazos certificados, senón tamén o esforzo conxunto do persoal e as institucións locais para ofrecer un servizo de calidade que satisfaga as expectativas dos turistas”. Concluíu José Tomé destacando que “este recoñecemento é un paso máis na nosa estratexia de seguir consolidando a Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, como un destino turístico de calidade e excelencia para os nosos visitantes. Queremos seguir ofrecendo a quen nos visita un servizo impecable e unha experiencia única”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.