A Guarda | O Concello da Guarda acolleu na mañá do domingo día 9 de xullo unha das actividades enmarcadas na terceira edición do ciclo “Sostendo o Futuro”, realizadas coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da nosa contorna.
Neste caso realizouse a actividade “Baños de Natureza” no Monte Santa Trega, unha estancia no bosque para coñecer e profundizar na nosa conexión coa natureza con axuda dos 5 sentidos. Experimentar o equilibrio e benestar co que nos agasalla o canto dun paxaro ou a suavidade do vento. Exercicios que estimularon os sentidos mentres se fixo o camiño, así como coñecementos sobre plantas e árbores e da natureza en xeral.
Os participantes saíron dende a Casa Forestal do Monte Santa Trega para percorrer diferentes espazos e camiños ao longo das preto de dúas horas que durou esta actividade. O vindeiro día 21, realizarase na Xunqueira de Salcidos a actividade “Bolboretas nocturnas”, unha actividade cunha duración aproximada de entre tres e catro horas que arrancará ás 21:15h.
Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nestas actividades programadas baixo a terceira edición de “Sostendo o futuro”.
A Guarda, Capital do Blues
A Guarda acolleu a pasada fin de semana a terceira edición do festival musical “A Guarda Mar de Blues”, baixo a organización do Concello da Guarda en colaboración con Onme Producciones – Mais que Blues e patrocinado por Cervezas Alhambra.
A programación arrancou na xornada do venres día 7 de xullo co concerto de Julián Maeso, un dos pratos fortes desta edición, e que debido á situación meteorolóxica desfavorable se celebrou nun ambiente máis íntimo no Salón de Plenos da Casa dos Alonso. Julián Maeso é un dos músicos máis versátiles que existen no noso país e cualificado por moitos como o “Dr. John” español ou mesma reencarnación do gran “Jimmy Smith”, grazas ao dominio e manexo do órgano Hammond. Deleitou aos asistentes cun concerto cheo de momentos Funk indescriptibles, Soul, R&B,… que quedaron sen dúbida gardados para sempre na retina de aqueles que se achegaron á primeira xornada do Mar de Blues.
As actividades continuaron cunha Sesión Vermú na mañá do sábado 8 de xullo con “Javier Turnes y The Hake Men”, Javier Turnes estivo na Guarda presentando o seu novo proxecto musical. Falar de Javier Turnes é falar dun dos grandes estudiosos do Blues en Galicia, e xunto a The Hake Men ofreceu un precioso percorrido polo son de Chicago ata as beiras do río Mississippi.
O prato forte chegou na noite do sábado con “Mingo Balaguer & Pablo Sanpa”, Mingo Blagauer é un dos grandes mestres da armónica no país… un veterano músico con máis de 30 anos sobre os escenarios e que ten tocado xunto a lendas do Blues como Hubert Sumlin, Johnny Winter ou Magic Slim, entre outros moitos. Contou co apoio de Pablo Sanpa, un dos guitarristas con máis recoñecemento no panorama nacional do blues.
“Tommy Castro & The Painkillers” subíu ao palco do Mar de Blues cun concerto cheo de Blues, Soul, R&B, Rock…. da mán desta banda procedente de San Francisco. Tommy Castro ten mais de 3 décadas de carreira profesional, infinidade de premios como o recente “Blues Music Awrad” á mellor banda en directo do ano, milleiros de concertos, unha suculenta e ampla discografía e infinidade de colaboracións xunto a grandes nombres como Carlos Santana, Bob Weir, Greg Alman, Dr. John, Willie Nelson, Jeff Beck, Joe Bonamassa, Elvin Bishop, Charlie Musselwhite, Magic Dick of J Giles, Taj Mahal, Los Lobos ou John Lee Hooker, que fixo a súa última aparición pública, para gravar o disco «Guilty of Love» de Tommy Castro.
A Guarda Mar de Blues pecha a súa terceira edición cunha excelente crítica por parte dos amantes da música Blues, que xa agardan pola celebración da cuarta edición no ano 2024.