Dentro da nosa tradición literaria, tan dada a darlle periodicamente algunha volta á materia de Bretaña, botábase en falla unha obra coma esta. Morgana en Esmelle sería o último texto que dou esta sorte de código arturiano no que ciframos a realidade cando precisamos a distancia do mito. E xa ían sendo horas dunha revisión en clave feminista. Begoña Caamaño recorre ao Merlín máis galego, o de Cunqueiro, para enmarcar unha explicación oculta da derrota de Artur e, por extensión, da súa patria. En terra de Miranda Merlín recibe a visita de Morgana, irmá do rei bretón, para axustar contas co pasado e dignificar o seu propio papel e o de Viviana, dúas das mulleres peor tratadas por algunhas versións da historia.
A vocación irreverente non remata aquí. A perspectiva feminina, subversiva de por si, permite que se multipliquen as lecturas que cuestionan o relato oficial sobre o “goberno” de Artur, as estratexias que permitiron que chegase ao poder e os motivos do seu fracaso, aspectos que, á súa vez, traducen a actualidade galega de xeito orixinal e nada axiomático. A loita entre os dous modus operandi que se plantexan na obra non fan máis que abrir interrogantes que aínda non fomos quen de pechar: como se deben xestionar as esencias da identidade? Como se prepara o futuro da nación? Onde están os límites da ética para os políticos, os xestores e os intelectuais da patria? É máis eficaz refuxiar o saber nunha sorte de Ávalon que mide os contactos co pobo á espera de tempos mellores, ou renunciar aos propios principios en busca dun achegamento populista aínda que manipulador? É beneficiosa a relación entre poder e relixión? E xa no plano máis íntimo, ata que punto son xustas as fronteiras nas que a sociedade pecha o amor? Ata que punto estamos feitos de remorsos e derrotas?
Porén, a solemnidade destas preguntas en ningún momento dificulta a lectura que discorre cómoda grazas a uns personaxes ben construídos, á diversidade de argumentos paralelos e á curiosidade que esperta coñecer a cara “B” dunha historia que nos é tan sabida.