Mos | O Concello de Mos vén de converterse nos últimos anos no polo da loxística da última milla ou “last mile”, tanto no que se refire a mensaxería e paquetería de última milla como de todo tipo de loxística destinada a distribuír producto ao cliente final.
Con 4 empresas xa instaladas na estrada provincial Puxeiros- Peinador (3 de mensaxería e 1 distribución de tubería de pvc para saneamento) son varios xa os interesados que pretenden establecerse neste foco punteiro da última milla.
Precisamente a última das 4 empresas “last mile” que se instalou na Estrada Puxeiros-Peinador, instalada na localidade mosense dende fai poucos meses, foi a dedicada a distribución de material para obras de instalación de sistemas de saneamento, a francesa Frans Bonhomme.
A primeira en implantarse en Mos das 3 dedicadas a mesaxería foi a española Correos Express, seguida da portuguesa CTT Express, desde fai ano e medio; e DHL Express, que leva un ano traballando en Mos.
A característica común da loxística de última milla é que a empresa trae tráilers con grandes cantidades de mercadoría ata os puntos “last mile”, onde descargan o producto que se distribúe en furgonetas ou transporte máis reducido para facerllo chegar ao cliente final. A loxística de última milla está en auxe dende o boom do comercio por internet, que se disparou exponencialmente desde a pandemia.
Censo para detectar instalacións con amianto
O Concello de Mos está a traballar na realización dun censo de todas as instalacións e emprazamentos municipais que poidan contar con amianto.
Ata a súa prohibición en xuño de 2002, o amianto foi incorporado a moitos e diversos materiais empregados en construción, industria, medios de transporte etc., polas súas excelentes propiedades e baixo custo.
Os materiais con amianto poden supoñer un risco para a saúde se soltan as súas fibras ao ambiente, ao ser inhaladas e alcanzar os pulmóns. A identificación da existencia de amianto en edificios e instalacións é, por tanto, unha necesidade para preservar a saúde dos seus usuarios.
A Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular establece que os concellos deberán elaborar un censo de instalacións e emprazamentos con amianto, incluíndo un calendario que planifique a súa retirada.
As instalacións ou emprazamentos de carácter público con maior risco deberán estar xestionadas antes de 2028.
O Concello de Mos vai contratar, por tanto, a realización do devandito censo tomando así a iniciativa para cumprir a lei, protexer a saúde dos usuarios e dos seus propios traballadores. Establecendo así, as medidas necesarias para eliminar a presenza destes materiais nas súas instalacións antes de 2028.