Mos | O fotógrafo, historiador e etnógrafo mosense, Javier Baquero, presentou esta tarde nos exteriores do Local Social de Dornelas, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, demais membros do goberno local e da Corporación Municipal e familiares e veciños da parroquia, o seu terceiro libro sobre a historia de Mos: “ACLARACIONES HISTÓRICAS DEL AYER Y HOY DE MOS”, editado polo Concello de Mos e que será empregado como agasallo institucional por parte da administración local mosense.
Este novo título que firma Baquero é a 3ª parte dunha triloxía integrada por outras 2 obras precedentes: “DATOS HISTÓRICOS DEL AYER Y HOY DE MOS I” (Ano 1999) e “DATOS HISTÓRICOS DEL AYER Y HOY DE MOS II” (Ano 2008).
Francisco Javier Baquero Rotea naceu en San Juan de Tabagón, concello de O Rosal, no ano 1951. No ano 1958 foi escolarizado en Mos. E continuou os seus estudos no Colexio Salesianos de San Roque en Vigo, onde cursou oficialía industrial na especialidade de Matricería.
A súa traxectoria laboral desenvolveuse no ámbito industrial, especializándose no sector do automóbil; con recoñecemento pola súa implicación e achega ao deseño a través da investigación e o desenvolvemento.
Na súa xubilación, retirouse do seu posto profesional nunha importante empresa do sector da automoción, con numerosos recoñecementos polo seu desempeño e aportación.
Desde os anos 80 alternou a súa dedicación profesional coa súa paixón etnográfica, procura e recompilación histórica.
Persoeiro amplamente recoñecido na súa parroquia de residencia, Dornelas, e en todo o municipio de Mos polas súas dúas grandes paixóns: a historia local e a fotografía, colaborou desde sempre moi activamente co Concello.
Entre outras iniciativas participou, coas súas aportacións de coñecemento e investigación histórica, no deseño dos símbolos heráldicos ofciais municipais en vigor, supervisados e aprobados pola Comisión Heráldica de Galicia e polo Pleno do Concello de Mos: a bandeira aprobada en 2011 e o escudo aprobado en 2015.