Mos | Hoxe recibiuse no Concello de Mos aos 7 nenos e nenas saharauis que pasan as súas Vacacións en Paz en Mos. Trátase de Sara, Galia, Jadiya, Mulay, Muna, Salem e Marua, que gozan do verán con familias mosenses de acollida das parroquias de Louredo, Dornelas, Pereiras, Cela, Guizán e Mos.
Foron recibidos pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro, e demais membros da Corpoción Municipal.
Os cativos asentados en Mos durante o verán poderán gozar do Campamento Municipal Infantil ‘Mañás de Verán’ así como saídas á piscina ao aire libre de San Eleuterio, entre outras iniciativas organizadas polo Concello.
O Concello de Mos participa no programa Vacacións en Paz organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui desde fai moitos anos.
“Fai moita falla que poidan saír dos campamentos o maior número de nenos posibles, xa que están a pasar por momentos moi duros, con moita falla de axuda humanitaria. Coa acollida as familias poderán darlles unha alternativa para evitar a súa estancia nos Campamentos durante os meses de xullo e agosto, por teren as temperaturas máis altas (máis de 50ºC), facilitar a asistencia sanitaria e de alimentación, e promover os valores de solidariedade entre o Pobo Galego e o Pobo Saharaui”, declarou a este respecto a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro.
É xa histórica a estadía dos/as nenos/as saharauis que pasan a tempada estival no municipio de Mos grazas ao programa Vacacións en Paz promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
Desde sempre, e igualmente este ano como non podía ser doutro xeito, os cativos saharauis poden participar ao longo de todo o verán en iniciativas organizadas pola administración local como o campamento infantil estival Mañás de Verán, así como coñecer a piscina ao aire libre de San Eleuterio, acudir a festividades e actividades municipais, deportivas, etc.
Asistencia médica
Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán. Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauis recén chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades. Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria.