Mos | Desde a concellería mosense de Política Social e Igualdade infórmase de que despois de dous anos sen poder levar a cabo o programa de acollida de nenos saharauis, VACACIÓNS EN PAZ, debido a pandemia; por fin se retoma e os nenos e nenas saharauis poderán vir este ano a pasar os meses de verán a Galicia en xeral e a Mos en particular.
O Concello de Mos participa neste programa organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e anima á veciñanza mosense a que se inscriba como familia acolledora. As persoas interesadas poden solicitar información nos servizos sociais municipais.
“Fai moita falla que poidan saír dos campamentos o maior número de nenos posibles, xa que están a pasar por momentos moi duros, con moita falla de axuda humanitaria. Coa acollida as familias poderán darlles unha alternativa para evitar a súa estancia nos Campamentos durante os meses de xullo e agosto, por teren as temperaturas máis altas (máis de 50ºC), facilitar a asistencia sanitaria e de alimentación, e promover os valores de solidariedade entre o Pobo Galego e o Pobo Saharaui”, declarou a este respecto a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, quen ademáis anunciou que se realizará próximamente unha reunión informativa para todas as familias interesadas en coñecer o programa.
As familias acolledoras comprometeranse a acoller aos cativos saharaius durante o verán no seu fogar, sen ter que asumir a viaxe dos mesmos ata Galicia, pois veñen cos billetes de ida e volta pagados.
É xa histórica a estadía dos/as nenos/as saharauis que pasan a tempada estival no municipio de Mos grazas ao programa Vacacións en Paz promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
Desde sempre, e igualmente este ano como non podía ser doutro xeito, os cativos saharauis poden participar ao longo de todo o verán en iniciativas organizadas pola administración local como o campamento infantil estival Mañás de Verán, así como coñecer a piscina ao aire libre de San Eleuterio, acudir a festividades e actividades municipais, deportivas, etc.
Asistencia médica
Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán.
Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauis recén chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades.
Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria.
Unha causa solidaria que trae sorrisos a nenos e nenas que o necesitan. Para máis información pódese contactar co Concello de Mos, a través dos servizos sociais ou co teléfono 986 26 26 37 (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui).
Nota: imaxe de arquivo do programa Vacacións en Paz.