Mos | O Concello de Mos homenaxeou este ano a un total de 54 matrimonios mosenses que celebran as súas Vodas de Ouro. Fíxoo coma sempre nun acto que tivo lugar onte, último domingo do mes de agosto, día 25, en Costoias, parroquia de Tameiga.
Esta edición, a número 34, foi moi especial, pois homenaxeouse a Genaro Rodríguez, membro da directiva da AC San Martín de Tameiga, falecido este ano e fundador desta celebración. Sobre el tiveron fermosas palabras tanto a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, como o cantante mosense Antonio Barros, veciño como Genaro da parroquia de Tameiga e ao que Barros e a súa familia coñeceron moi ben.
Arévalo, rexedora local mosense, destacou sobre Genaro Rodríguez “que tiña un corazón enorme, e que a el e á súa iniciativa e ao seu traballo de tantos anos lle temos que agradecer esta celebración que é unha das máis fermosas e entrañables do noso municipio”. Sobre a Festa, Nidia Arévalo manifestouse “emocionada de ver a tantos matrimonios exemplo de amor verdadeiro e respecto mutuo, que son o mellor espello para os máis mozos, e aos que tanto lles temos que agradecer, porque os nosos maiores construíron as familias mosenses e o Mos no que hoxe vivimos e do que hoxe gozamos, por iso merecen toda a nosa gratitude e esta sentida e sinceira homenaxe que organizamos para eles”.
Onte a tradicional “Festa dos Maiores” do Concello de Mos celebrou a súa trixésimo cuarta edición sendo todo un éxito como cada ano, e como cada ano rexistrando unha afluencia de aproximadamente 800 persoas que se congregaron en Costoias para homenaxear aos seus maiores e ao amor que se profesan os matrimonios mosenses que levan medio século xuntos.
Os matrimonios homenaxeados son parellas, das dez parroquias mosenses, que cumpren ou cumpriron os 50 anos de casados. Son un total de 54 dos que 8 matrimonios son da parroquia de Tameiga, 7 de Sanguiñeda e 4 de Torroso, 3 da parroquia de Cela, 2 de Dornelas, 4 de Guizán, 6 de Louredo, 9 de Mos, 4 de Petelos e 7 de Pereiras.
Esta emblemática festa concíbese desde a administración local mosense como parte do programa destinado aos maiores, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.
A xornada de onte domingo 25 de agosto desenvolveuse contando cunha serie de actos celebrados a partir das 12:00h con Misa cantada polas Corais de Asomamos e Santa Baia de Mos, seguida ás 13:00h da actuación da Banda e Música Xuvenil de Torroso, e a partir das 14:00h comezo do xantar, a cargo do Concello para os matrimonios homenaxeados.
Desde as 16:00h tivo lugar a homenaxe aos matrimonios e actuación a cargo do coñecido cantante de orixe mosense Antonio Barros e finalizando a xuntanza estivo o DJ Manu.