Mos amplía internet de banda longa a 13 barrios de 6 parroquias

Compromiso de Telefónica co Concello de Mos

 

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, xunto con persoal municipal do Concello de Mos, reuníronse esta mañá por videoconferencia coa coordinadora de despregue FTTH para Galicia e Asturias de Telefónica, Patricia Rodiño.

O obxecto da xuntanza foi o de abordar os PEBANG (‘Planes de Estatales de Banda Ancha de Nueva Generación’) que Telefónica ten en marcha en Mos.

Do Plan 2018-2020 a empresa só ten pendente de acometida a zona de Louriñó en Torroso, para a que xa ten solicitados os permisos de obra.

Respecto do Plan 2019-2021 Rodiño informou aos representantes municipais de que xa teñen feito todo o traballo previo de enxeñería e que a acometida da rede de internet de banda longa con cargo a este Plan dará cobertura a 5 parroquias: na parroquia de Cela aos barrios de Arufe, Coto e As Pereiras; en Louredo a Inxertado, Pantaño e Candosa; en Mos ás Regadas, A Rúa e Cabaleiros; en Petelos, Estivada e Rexenxo; e Piñeiro en Sanguiñeda.

A maiores, o PEBANG 2020-2022 xa saíu a concurso e o concurso público foi tamén ganado por Telefónica para acometer a rede de internet de banda longa en Pombal, parroquia de Louredo. Acometida que, aínda que lle quedan dous anos de prazo para realizar, a empresa manifestou a súa intención de levala a cabo xa neste mesmo ano 2021. Así como o firme compromiso de rematar antes de finais de ano a instalación na zona de Louriñó, pendente de 2020, os 12 barrios das 5 parroquias para este 2021, e intentarán tamén facer Pombal en Louredo.

Ademais de todos os lugares mencionados, Telefónica acometeu con fondos propios entre 2016 e 2018 a instalación en parte das parroquias de Torroso, Louredo, Sanguiñeda, e tamén algunhas partes das parroquias de Dornelas e Tameiga.

Ao remate da reunión Arévalo e Costas anunciaron que desde o Concello de Mos estanse a realizar xestións para que outros operadores fagan inversión neste senso no municipio mosense e, para elo, o edil de Novas Tecnoloxías xa ten concertadas varias entrevistas con compañías operadoras de telefonía e internet para esta mesma semana, posto que hai varias empresas interesadas en facer ofertas de despregue de fibra óptica na localidade.