Mos | O Pleno do Concello de Mos aprobou por unanimidade dos seus membros o pasado luns 29 de marzo a ratificación da aceptación do convenio asinado entre a administración local mosense, Xunta, Federación Galega de Municipios e Deputación provincial para a posta en marcha dun novo GES Mos-Redondela.
Neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Emerxencias e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, manifestaron a súa “satisfacción ante a concesión ao municipio mosense deste novo operativo que suporá un importantísimo apoio e reforzo para o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos”, declararon os representantes municipais.
“Mos terá un GES compartido con Redondela e, no caso do municipio mosense, a previsión é que poida estar operativo durante o primeiro semestre deste ano 2021. O novo GES Mos-Redondela estará dotado de 12 operarios, 6 para Redondela e 6 para a localidade mosense”
Mos terá un GES compartido con Redondela e, no caso do municipio mosense, a previsión é que poida estar operativo durante o primeiro semestre deste ano 2021. O novo GES Mos-Redondela estará dotado de 12 operarios, 6 para Redondela e 6 para a localidade mosense.
Os representantes municipais do Concello de Mos, Arévalo e Costas, declararon que “a concesión deste novo GES para Mos non é froito da casualidade, senón que a administración local mosense conta cun Servizo Municipal de Emerxencias que por número de habitantes non estaría obrigada a ter e que está dotado dunha partida do orzamento municipal anual de 100.000 euros, dunha base cunhas instalacións totalmente equipadas, dun coordinador do Servizo traballador municipal e de 4 camións motobomba”.
“É por elo que esta metade do GES que compartimos con Redondela é sobradamente merecida”, insistiu a rexedora local mosense, “e como alcaldesa continuarei a traballar para lograr conseguir un GES completo para Mos”. Arévalo concluíu insistindo na gratitude á Xunta de Galicia por esta nova dotación tan necesaria para a localidade mosense e aplaudida pola veciñanza.
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal mosense que estará operativo nesta primeira recta do ano integrarase dentro do mencionado Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos.
A renovación do mapa de emerxencias de Galicia acordada mediante un convenio pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e as deputacións provinciais modifica a distribución dos efectivos dispoñibles na comarca de Redondela. Así, o GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) desta localidade pasa a unirse co de Mos, aínda que ambas as bases mantéñense. Desde elas atenderanse as necesidades de Mos, Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior.
Como xa se dixo a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Emerxencias, Leo Costas, manifestáronse hoxe satisfeitos e agradecidos á Xunta de Galicia por mellorar e completar o mapa de emerxencias que cubre o territorio galego, a través de 6 novas agrupacións -5 GES e un servizo municipal financiado pola Xunta-.
O Goberno galego creará 6 novos servizos de emerxencias -1 na provincia da Coruña, 2 en Ourense e 3 en Pontevedra-, coa colaboración dos Concellos e Deputacións Provinciais, para ofrecer unha mellor atención e tempos de resposta. E un dos 3 novos GES de Pontevedra contará cunha base no municipio mosense.
Na Comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), tamén están representadas a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais.
“Na Comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), tamén están representadas a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais”
No caso da provincia de Pontevedra, contarase con tres novos Grupos Supramunicipais de Emerxencias: Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente serían atendidos polo GES da Cañiza; Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas, por un novo GES con sede en A Lama; e Mos, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior, polo GES Mos/Redondela, cunha base en cada un dos dous municipios.
En materia de financiamento, a Administración autonómica reafirma o seu compromiso para seguir colaborando no mantemento dos GES, postos en marcha en 2013 en consenso entre a Xunta, Deputacións e Concellos. De feito os 6 novos servizos, supoñen un incremento no investimento por parte da Xunta de case 300.000 euros, ao pasar de 4,5 a máis de 4,8 millóns de euros, o que supón máis da metade do custo anual dos GES.
A este respecto desde o Concello de Mos solicítase tamén que a Deputación de Pontevedra se implique na dotación de equipamento aos Servizos de Emerxencias dos Concellos en xeral e ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos en particular, así como a GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, das que Mos tamén conta con unha. Para estes colectivos a Xunta destinou nos últimos dez anos 15,3 millóns de euros. Ademais, as achegas do Goberno galego para financiar os cinco consorcios provinciais e comarcais de bombeiros superan os 9,8 millóns de euros.