Mos avanza co seu décimo Programa Integrado de Emprego

O Concello vén de recibir máis de 220.000€ da Xunta de Galicia

Mos | Tras clausurar a pasada edición do Programa Integrado de Emprego cunha porcentaxe de inserción laboral do 78%, Mos recibe a resolución favorable da Xunta para a axuda autonómica que permite a posta en marcha dun novo Programa, chegando xa á décima edición dos Programas Integrados de Emprego do Concello de Mos. Así o informaron esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Emprego mosense, Julia Loureiro.

As representantes municipais Arévalo e Loureiro agradeceron o apoio incondicional da Xunta de Galicia en xeral, e en concreto aos Programas Integrados de Emprego do Concello, tal e o caso deste novo que se vén de recibir e no que se investirán un total de 277.497,48 euros, dos que 220.000 asúmeos a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; e o Concello de Mos cofinancia o importe restante.

O X Programa Integrado de Emprego de Mos 2024/25 contará con 100 persoas beneficiarias e obxectivo de inserción é do 45% aínda como en todas as edicións espérase superar en moito este obxectivo, tendo en conta que no último Programa Integrado acadouse unha porcentaxe do 78%.

Dos 100 usuarios/as do novo programa, 5 serán persoas desempregadas con discapacidade, outras 5 persoas desempregadas en risco de exclusión social e as persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia, 20 persoas menores de 30 anos desempregadas con baixa cualificación, outras 20 persoas menores de 30 anos desempregadas cualificadas, 5 persoas desempregadas maiores de 45 anos, 25 ersoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI), e 20 mulleres desempregadas.

Ademais de alumnado, coma sempre o Programa contará con empresas colaboradoras no programa. Na pasada edición, a 9ª, implicáronse máis de 50 empresas que solicitaron candidatos a postos de traballo, e que participaron na realización das accións de inserción, convenios de prácticas e formación, para a inserción no mercado laboral dos usuarios cun emprego digno e de calidade. Prestaranse tamén, coma sempre, servizos de orientación, accións formativas e a mediación laboral con empresas, ás 100 persoas demandantes de emprego que participen nesta décima edición.

E por suposto haberá encontros nos que as persoas participantes teñan a oportunidade de participar activamente nun foro no que compartir intereses, motivacións e aspiracións profesionais con compañeiros na mesma situación e con empresas demandantes de persoal cualificado.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.