Mos | Esta mañá tivo lugar no salón de sesións do Concello de Mos ás 10.30 horas o acto de agradecemento ao empresariado mosense e demais entidades colaboradoras pola súa colaboración na campaña solidaria municipal Mos Axuda no Nadal.
No acto estiveron presentes Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos, representantes da directiva de AEMOS, representantes das empresas colaboradoras coa campaña, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social e Igualdade, e voluntarios/as de Mos Axuda e Protección Civil de Mos.
Arévalo, rexedora local mosense, aproveitou o encontro para agradecer encarecidamente o enorme apoio nesta campaña das empresas colaboradoras: Tesis Galicia, AFAMSA, Reciclajes AVI, Mecoxi, Industrias Afines, NORIBERICA, Hierros Caldas, Grupo Couceiro, Autos Rivada, SERBAFER BATERÍAS SL e por suposto da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS.
Os produtos comestibles comezarán a repartirse esta mesma tarde grazas ao traballo dos/as voluntarios/as. Os xoguetes entregaranse aos cativos beneficiarios o 5 de xaneiro nun acto cos Reis Magos.
‘Ningún nenx sen agasallo’
A campaña Mos Axuda de Nadal 2022 inclúe desde fai anos o proxecto ‘Ningún nenx sen agasallo’. Esta iniciativa solidaria está promovida polo Concello de Mos en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos, para que ningún desexo dun neno/a este Nadal quede sen facerse realidade.
O listado de nenos/as é facilitado polo departamento dos servizos sociais de Mos e por suposto, os datos son totalmente confidenciais, polo que para mercar o regalo os colaboradores participantes reciben unha carta escrita polo neno/a beneficiario pero sen asinar, só identificada cun número de referencia.
E o agasallo que pide na devandita carta debe ser depositado indicando no paquete o número da carta asignada.
Mestras de Canadá para o CEIP Plurilingüe Pena de Francia
Lucía Álvarez e Ángeles González pasaron un mes en sendos colexios de Ottawa, o Centennial Public School e o Featherston Drive Public School, respectivamente, dentro do programa PIALE da Xunta de Galicia
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, visitaron esta mañá no centro educativo ás mestras do CEIP Plurilingüe Pena de Francia, Lucía Álvarez González e Ángeles González Lemos, para compartir con elas en persoa a súa experiencia en Canadá no programa de Inmersión Lingüística PIALE da Xunta de Galicia.
Lucía e Ángeles partiron rumbo a Canadá o pasado 12 de outubro para participar no programa de Inmersión Lingüística PIALE.
Alí tiveron unha proveitosa estancia dun mes, que agora redunda e revirte na mellor formación lingüística en inglés do seus alumnos e alumnas. As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, expresáronlles hoxe o seu “orgullo e gratitude polo esforzo realizado para mellorar as súas competencias lingüísticas e, con elo, a mellor formación en idiomas do noso futuro: os cativos e cativas de Mos”.
Ángeles e Lucía, dúas mestras de Inglés do CEIP Plurilingüe Pena de Francia de Mos, participaron neste programa de inmersión lingüística en inglés (PIALE) na cidade de Ottawa en Canadá. O PIALE é un Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras da Xunta de Galicia para a mellora da competencia lingüística e a integración no ensino e cultura dun pais estranxeiro.
O 12 de outubro 45 mestres e mestras de toda Galicia partiron rumbo a Canadá, entre eles as profes de Inglés do Pena de Francia, para convivir cunha familia de fala inglesa e para aprender o funcionamento dun colexio canadense durante as 4 semanas que durou a experiencia. A mestra Lucía estivo no Centennial Public School e a mestra Ángeles no Featherston Drive Public School.
Ademais o CEIP Pena de Francia participa noutro interesante proxecto, o eTwinning do Ministerio de Educación e Formación Profesional, que forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte. O obxectivo é promover e facilitar o contacto, o intercambio de ideas e o traballo en colaboración entre profesorado e alumnado dos países que participan en eTwinning, a través das TIC.