Mos | O domingo 27 de agosto celebrarase a tradicional Festa dos Maiores do Concello de Mos que nesta súa trixésimo terceira edición homenaxeará a 47 matrimonios mosenses que neste 2023 celebran as súas Vodas de Ouro.
Prevese a habitual afluencia de entre 700 e 800 persoas que se congregarán en Costoias para homenaxear aos seus maiores e ao amor que se profesan os matrimonios mosenses que levan medio século xuntos, nunha festa que a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Cultura, Sara Cebreiro, definen como “a máis entrañable de todas as que temos en Mos”.
Os matrimonios que serán homenaxeados en Costoias, parroquia de Tameiga trátanse de parellas, das dez parroquias mosenses, que cumpren ou cumpriron os 50 anos de casados. 10 matrimonios son da parroquia de Tameiga, 5 de Sanguiñeda e 5 de Torroso, 4 da parroquia de Cela, 4 de Dornelas, 4 de Guizán, 4 de Louredo, 4 de Mos, 4 de Petelos e 3 de Pereiras.
Esta emblemática festa concíbese desde a administración local mosense como parte do programa destinado aos maiores, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.
A xornada do domingo 27 de agosto desenvolverase contando cunha serie de actos celebrados a partir das 12:00h con Misa cantada polo Grupo de Canto Popular Nosa Terra de Pereiras, seguida ás 13:00h da actuación da Charanga Sacacorchos, a partir das 14:00h comezo do xantar, a cargo do Concello para os matrimonios homenaxeados. E a partir das 16:00h homenaxe aos matrimonios e actuación a cargo do grupo ‘3.com’.
Curso sobre uso de tecnoloxía móbil para maiores
Impartirase na Axencia de Colocación en dúas sesións presenciais o vindeiro mes de setembro e o prazo de inscrición está xa aberto
Desde a Axencia de Colocación do Concello de Mos e concetamente desde a concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Julia Loureiro infórmase da organización dun novo Taller: Expertclick de uso de apps móbiles para Maiores de Mos para o que xa se atopa aberto o prazo de inscrición.
Impartirase en dúas datas do vindeiro mes de setembro: 25/09/2023 de 16:00 a 18:00 (Sesión 1) e 26/09/2023 de 16:00 a 18:00 (Sesión 2) en modalidade presencial.
Expertclick é un programa de formación para achegar ás persoas maiores de 55 anos as ferramentas necesarias que lles permitan aproveitar plenamente as vantaxes que brindan as novas tecnoloxías co fin de aumentar a súa calidade de vida.
Nos cursos gratuítos presenciais e en liña, os maiores aprenden a navegar con seguridade e confianza por Internet e a utilizar o seu teléfono móbil ou tablet para comunicarse por videoconferencia, facer xestións co seu banco, pedir unha cita médica, comprar en liña ou aproveitar o seu tempo de lecer creativo na rede.
O obxectivo é aumentar a súa independencia e autonomía persoal á hora de comunicarse, realizar trámites e participar de forma activa na sociedade, mellorando así a súa autoestima e favorecendo un envellecemento activo e saudable.