Mos | Máis de 200 persoas participan nos obradoiros As nosas Rosas nas Parroquias, que desde o Concello de Mos organizáronse como preámbulo á Festa da Rosa 2022 que se celebrará durante todo o vindeiro mes de xuño (do día 3 ao 26).
Onte comezaron os obradoiros na AVV Santa Baia de Mos cun curso de elaboración de xabóns de rosas. E esta tarde impártese o meso obradoiro na Asociación San Martín de Tameiga en Costoias. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as concelleiras mosenses Sara Cebreiro e Julia Loureiro achegáronse para coñecer de primeira man as técnicas de fabricación de xabóns artesanais coa flor emblema do escudo municipal.
Desde o 18 de maio ao 10 de xuño 14 asociacións culturais e veciñais acollerán os cursos de: Secado de Rosas, Xabóns de Rosas e Estampación de Rosas pintadas en tea. Todos/as os/as alumnos/as participarán destes cursos presentando rosas das súas parroquias na asociación.
Coas fotografías desas rosas énchense as redes sociais municipais potenciando o símbolo do escudo do Concello. Deste xeito foméntase unha rivalidade e competitividade sá entre as rosas das 10 parroquias, que competirán tamén o propio día 13 de xuño, xa que nesta edición do Concurso de Rosas incluirase a novidade do premio á mellor rosa de cada unha das 10 parroquias mosenses, de entre as que se elexirá a mellor de todo Mos, e unha mención especial á parroquia con maior participación. As 14 asociacións participantes nesta iniciativa son:
Obradoiro de Elaboración de Xabóns de Rosas:
18 de maio AVV Santa Baia
19 de maio San Martín de Tameiga
24 de maio AVV Chan do Bosque
1 de xuño CSCD As Pedriñas
4 de xuño CCS Herville
Obradoiro de Secado de Rosas:
23 de maio A Cividade de Louredo
30 de maio CC Abrente
31 de maio AVV Santa Ana de Veigadaña
7 de xuño CRC Torroso
10 de xuño ARC Guizán
Obradorio de Estampación de Rosas en Tea:
27 de maio AVC Ledicia de Sanguiñeda
28 de maio AVV Celado
1 de xuño AVV Nosa Terra de Pereiras
3 de xuño AVV Dornelas
Se hai algunha persoa interesada en participar nalgún dos cursos aínda pode incribirse directamente nas asociacións. Para solicitar máis información sobre a iniciativa pódese chamar ao teléfono 986 33 94 04.
Convenios cos clubes deportivos locais
O Concello de Mos asinou esta tarde no Multiusos das Pozas os convenios de colaboración para as subvencións anuais a clubes e deportistas locais incluídas no orzamento municipal para este 2022. Trátase dos 11 convenios con clubes e deportistas locais. No acto de sinatura estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, os/as beneficiarios/as e/ou presidentes/as dos clubes, e o concelleiro de Deportes, José Areal.
Os 11 beneficiarios son: a Unión Deportiva Mos-UD Mos Feminino, o Club Louro Tameiga, o Club Tenis de Mesa, o Club Xadrez Mos, o Club Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club Patinaxe Artístico Rosaleira, Xiramos, o nadador Juan Ferrón, a bailarina Patricia Martínez e a ciclista Susana Alonso.
Os convenios de colaboración entre o Concello de Mos e clubes e deportistas individuais asínanse anualmente, coa finalidade de contribuir a financiar a realización da actividade de desenvolvemento do programa de dinamización do proxecto deportivo da entidade durante a tempada deportiva.
Nestas 11 subvencións nominativas a clubes e deportistas individuais a administración local mosense inviste 77.600 euros anuais neste 2022.
Respecto dos clubes e deportistas beneficiarios cómpre destacar “a súa valía e o esforzo e superación demostrados durante as súas respectivas traxectorias deportivas, sendo todos eles auténticos exemplos de traballo duro, esforzo e deportividade para toda a cidadanía mosense e un verdadeiro orgullo para o Concello de Mos” declararon a rexedora local e o edil de Deportes, Arévalo e Areal respectivamente.