Mos | Onte a partir das 20.00 horas celebrouse no Multiusos das Pozas un encontro coa alcaldesa, Nidia Arévalo, dos colectivos e entidades do municipo. A xuntanza daba continuidade ao programa que se viña realizando nos últimos anos co fin de escoitar ás agrupacións que traballan en Mos.
Tratouse dun momento de encontro, ao que asistiron un total de 120 persoas membros de 70 colectivos mosenses, e no que se puxeron en común inquedanzas e necesidades.
Participaron integrantes de de entidades asociativas veciñais, deportivas, culturais, sociais, empresariais… Comunidades de Augas, de Montes, etc. que puideron preguntar e suxerir a Arévalo todas aquelas cuestións que consideraron oportunas.
No encontro, de preto de dúas horas e media de duración, acordouse organizar unha xornada anual do asociacionismo. Un sábado ao ano pasar o día xuntos todos os membros dos colectivos de Mos nun encontro, tipo networking, no que sumar sinerxias, compartir experiencias. Unha xornada formativa, de convivencia e de lecer para implementar fortalezas e confraternizar, crear e aumentar a rede de contactos, coñecer a persoas e organizacións, dar a coñecer servizos, descubrir oportunidades, etc.
A alcaldesa destacou durante a xuntanza “a importancia do tecido asociativo mosense, e a súa implicación en traballar para o ben común e para que o Concello mellore, que mellore a calidade de vida e o día a día da veciñanza” e salientou a súa intención como rexedora local de “seguir escoitando aos diferentes colectivos para saber o que Mos quere e o que Mos necesita, para seguir mellorando e construíndo un Mos mellor”.