Mos | Esta mañá celebrouse no Pazo de Mos o acto de sinatura das actas de toma de posesión co que culminaba o proceso de estabilización de 26 empregados públicos municipais.
Na devandita sinatura estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o secretario municipal, Carlos Piñeiro, a funcionaria responsable do departamento de Persoal, Tatiana Iglesias, e o concelleiro da devandita área, Leo Costas. Tamén acompañaron aos funcionarios/as que consolidaron os seus postos o tenente alcalde, Camilo Augusto e as tamén edís mosenses Julia Loureiro e Sara Cebreiro.
Este proceso de estabilización de emprego público en Mos non se celebraba dende fai máis dunha década e ten como obxectivo e finalidade a redución da temporalidade no emprego público.
Para levar a cabo o procedemento aplicáronse os criterios comúns para a elaboración das convocatorias de estabilización no emprego público local en Galicia asinados pola FEGAMP e os sindicatos. Subsidiariamente aplicouse a normativa estatal e autonómica de Galicia, relativa aos procesos de selección de persoal.
Os traballadores e traballadoras que estabilizaron os seus postos son persoal funcionario de carreira e persoal laboral fixo.
Entre os 26 empregados municipais atópanse 2 administrativas, unha auxiliar administrativa, un arquitecto, un responsable de instalacións deportivas, unha traballadora social, un axente de emerxencias, 3 oficiais de primeira condutor mecánico, un conserxe operario de mantemento, unha orientadora laboral, 2 monitores de natación-socorrista e actividades, un oficial de segunda, 10 operarias de limpeza e un conserxe de emprego.
A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, amosouse neste acto “emocionada polo gran cariño que lles teño a estes homes e mulleres que levan traballando tantos anos ao meu carón e que pasan a formar parte definitivamente da plantilla do Concello de Mos, polo que hoxe é un día de celebración e de darlles as grazas a todas e todos eles por todo o que levan traballado diariamente ao servizo da veciñanza”.
“Agradecemento e emoción son os sentimentos que hoxe resumen o meu sentir nesta sinatura de actas de consolidación”, concluíu Arévalo, rexedora local de Mos.