Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presidiu hoxe a Mesa local contra a violencia de xénero á que asistiu acompañada doutros membros do equipo de goberno como Leo Costas, concelleiro de Igualdade, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, e Julia Loureiro, concelleira de Educación.
Tamén estiveron presentes: o Director Xeral de Prevención da Violencia de Xénero, Roberto Barba; o Fiscal Xefe da Área de Vigo, Óscar Vladimir Vallejo Torres, María José Rodríguez Xefa da Unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, do CIM de Mos a súa directora e a psicóloga e a asesora xurídica, da concellería de Política Social a traballadora social e a psicóloga, unha traballadora da concellería de Educación, representantes dos equipos directivos e docentes dos CEIPs e do IES de Mos, Beatriz Díaz do Servizo de Atención Temperá do Concello de Mos, en representación da UFAM o Inspector delegado de participación cidadá da comisaría da Policía Nacional de Vigo-Redondela, Antonio Perera Cansado; o traballador social do Centro de Saúde de Mos, Antonio Míguez Iglesias, o sarxento comandante de posto da Garda Civil de Mos Javier de la Calle González, o responsable do equipo VioGen da compañía de Vigo, cabo 1º Damián Vilas Domínguez, a responsable do PAE-EMUME (Equipo de Mulleres e Menores) da UOPJ de Pontevedra, da Garda Civil, Irene García Díaz; e representantes da Policía Local de Mos e do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos.
A Mesa seguiu a seguinte orde do día:
1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (16/11/2023).
2.- Dar conta das mulleres atendidas e das actividades realizadas no CIM dende a celebración da última mesa, e as pendentes de realizar.
3.- Dar conta da inclusión do Concello de Mos no sistema VIOGEN.
4.- Creación da mesa de traballo coordinado entre os recursos municipais para a detección, seguimento e intervención de casos de violencia de xénero.
5.- Preguntas e suxestións.
Desta mesa, primeira iniciativa da programación municipal con motivo do 25N, extraeuse un importante acordo: o da creación dunha mesa de traballo coordinado entre os recursos municipais para a detección, seguimento e intervención de casos de violencia de xénero. Tal e como se explicou esta mañá, a creación da mesa de traballo coordinado surxe da consciencia da importancia, e da detección da necesidade, de coordinación interna nos departamentos do Concello, de ofrecer formación en igualdade nas distintas áreas da administración local, e de traballar en casos prácticos para mellorar a coordinación técnica, identificar procesos onde mellorar e estar máis preparadas ante unha situación.
Esta mesa de traballo coordinado pretende ser tamén un espazo no que convidar a persoas externas a dar formación a nivel técnico, e onde planificar formacións externas a nivel socio comunitario (colexios, asociacións…) para chegar máis frecuente e intensamente a colectivos como a mocidade, entre outros.
Así, os obxectivos que persegue esta mesa son: o traballo conxunto de tódolos axentes, dotar de formación e recursos, e traballar no plan de igualdade 2026-2030. Para chegar a eles establécese un plan de acción de 5 pasos. O paso 1, de traballo previo, consiste en que cada área analiza o que lle preocupa, en que pode ser útil ou que temática lle gustaría abordar na mesa de traballo. O paso 2 será de posta en común de todos os puntos de traballo propostos polas diferentes áreas e de búsqueda de actividades conxuntas para o 8M de 2025.
O paso 3 consistirá no intercambio de protocolos e posta en marcha da elaboración dun plan local de actuación e análise de casos prácticos. O paso 4 abordará casos prácticos no eido educativo cun mapa de recursos e actividades, e formacións de cara ao 25N do ano que vén. O paso 5 abordarase na vindeira Mesa Local contra a Violencia de Xénero, a celebrar en novembro de 2025, onde se realizará a avaliación das mesas de traballo coordinadas celebradas ao longo do ano, e se aportarán técnicas para a mellora e continuación do traballo realizado nelas.
“A Mesa local contra a violencia de xénero de hoxe serviu tamén de foro para comezar a conmemorar o vindeiro 25N, Día Internacional da eliminación da Violencia contra a Muller, data que nos ten que facer reflexionar sobre a durísima realidade da violencia machista e vicaria, e sobre a importancia da prevención e sensibilización da sociedade contra elas, facendo fincapé na importancia da educación e na necesidade de accións e actividades neste eido dirixidas especialmente á xuventude e á poboación xeral” segundo declararon os representantes municipais, a rexedora local Nidia Arévalo e o edil mosense de Igualdade, Leo Costas.