Mos | O Pleno do Concello de Mos aprobou onte pola mañá por unanimidade a derogación do IMPOSTO SOBRE INCREMENTO DO VALOR DE TERREOS DE NATUREZA URBANA (IIVTNU).
Este imposto coñécese como plusvalía e é un imposto potestativo que tiña unha ordenanza en vigor desde 2003. Ao ser potestativo o Concello pode regular e decidir a súa esixencia ou non por medio dunha Ordenanza.
Polo tanto esta medida emprendida desde a administración local mosense pretende reducir a carga fiscal en Mos, fundamentalmente en veciños que xa sufriron o aumento da presión fiscal pola revisión do IBI.
O expediente da medida municipal para derogar a plusvalía conta con informes favorables de Tesourería, Secretaría e Intervención.
Por que derogar a plusvalía
O problema de base está en que as plusvalías presentaban un sistema de cálculo obxectivo para determinar a base impoñible sen que se teña en conta o incremento real de valor que teñen os terreos urbanos cando se produce unha transmisión (exemplo venda e herdanza).
Despois dunha serie de sentenzas o Tribunal Constitucional declarou inconstitucionais varios preceptos da lei de facendas locais (RDL 2/2004 do 5 de marzo) que regulaban este imposto. Estes preceptos sufriron unha modificación o ano pasado por medio de Real Decreto-Lei 26/2021, do 8 de novembro. Os novos criterios determinan que, se non hai incremento de valor, non se produce o feito impoñible pero non se corrixen os principais defectos do imposto.
O contrubuínte pode calcular o incremento real que tivo e determinar o imposto en base ao devandito incremento, pero de maneira subsidiaria téñense en conta criterios obxectivos como o de determinar a base impoñible en atención ao valor que ten o chan urbano no imposto sobre bens inmobles, IBI, sen que se atenda á realidade efectiva nin a situación actual dos mercados inmobiliarios.
Por iso Mos suprime o imposto, para reducir a carga fiscal da veciñanza en momentos como os actuais, dunha importante crise económica e prezos a alza tanto de enerxía, combustibles, alimentación… e axudar no posible á economía dos e das mosenses.
É por elo que o obxectivo que se persegue con esta derogación é dobre:
Primeiro, evitar posibles problemas futuros pola adaptación lexislativa á declaración de inconstitucionalidade de certos preceptos configuradores do imposto.
E, en segundo lugar, reducir a presión fiscal da cidadanía, favorecendo a recuperación económica nunha situación e contexto de crise xeralizada. Neste marco non podemos esquecer os cambios que se tiveron producido na base impoñible do padrón do imposto sobre bens inmobles o pasado exercicio en atención ao Procedemento simplificado de valoración colectiva 00347233.36/20, que se tivo iniciado pola XERENCIA TERRITORIAL DO CATASTRO DE PONTEVEDRA e que afectou a máis de 13.000 fincas, deste xeito, de manterse o imposto, este afectaría fundamentalmente aos titulares de ditas fincas que pasaron a catalogarse como urbanas e que ata a data desta alteración non xerarían plusvalías. Así podemos afirmar que estes contribuíntes resultarían dobremente afectados e gravados polo procedemento de valoración catastral que foi alleo á vontade e interese do Concello.