Mos despide a 110 nenos saharauís que pasaron as súas vacacións na provincia de Pontevedra

Un total de once menores foron acollidos por familias mosenses

Mos | Hoxe despediuse ata o ano que vén no Pazo de Mos aos 110 nenos e nenas saharauis que pasaron as súas Vacacións en Paz na provincia de Pontevedra. Foron despedidos pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social de Mos, Sara Cebreiro.

Saíron todos xuntos do Pazo de Mos cara ao aeroporto de Peinador os nenos e nenas saharauis que pasaron o verán en Pontevedra. Peinador é o punto de chegada e partida dos 300 pequenos saharauis que viñeron este ano a Galicia, sendo a Galega a segunda Comunidade Autónoma do país que máis nenos acolle, despois de Andalucía.

11 pequenos deste programa promovido e organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui pasaron o verán con familias acolledoras mosenses. O Concello de Mos colabora con este programa e coa Asociación mediante un convenio anual asinado no que se lle fai unha aportación económica, facilitando os autobuses ata e desde o Pazo de Mos, así como o espazo para a recepción e despedida no auditorio do Pazo de Mos.

E ademais os cativos asentados en Mos durante o verán puideron gozar do Campamento Municipal Infantil ‘Mañás de Verán’ así como saídas á piscina ao aire libre de San Eleuterio, entre outras iniciativas organizadas polo Concello, de balde. O Concello de Mos participa no programa Vacacións en Paz organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui desde fai moitos anos.

“Fai moita falla que poidan saír dos campamentos o maior número de nenos posibles, xa que están a pasar por momentos moi duros, con moita falla de axuda humanitaria. Coa acollida as familias poderán darlles unha alternativa para evitar a súa estancia nos Campamentos durante os meses de xullo e agosto, por teren as temperaturas máis altas (máis de 50ºC), facilitar a asistencia sanitaria e de alimentación, e promover os valores de solidariedade entre o Pobo Galego e o Pobo Saharaui”, declararon a este respecto a rexedora local Arévalo e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro.

É xa histórica a estadía dos/as nenos/as saharauis que pasan a tempada estival no municipio de Mos grazas ao programa Vacacións en Paz promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

Desde sempre, os cativos saharauis poden participar ao longo de todo o verán en iniciativas organizadas pola administración local como o campamento infantil estival Mañás de Verán, así como coñecer a piscina ao aire libre de San Eleuterio, acudir a festividades e actividades municipais, deportivas, etc.

Asistencia médica
Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán. Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauis recén chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades. Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria. Unha causa solidaria que trae sorrisos a nenos e nenas que o necesitan.