Mos | O xoves pola mañá o director xeral do IGVS, Heriberto García Porto, e a alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañados de varios técnicos municipais, reuníronse para perfilar o Plan de Vivenda Protexida en Mos.
O devandito Plan concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cederá á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.
Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta trasladou o seu compromiso de que, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.
Tras esta FASE 2, chegará a FASE 3 de Vivendas Protexidas en San Eleuterio, que abarcará 14.429 metros cadrados de superficie. Para dispoñer desta superficie, o Concello de Mos anuncioulles xa hoxe aos representantes da Xunta presentes na reunión no Instituto Galego de Vivenda e Solo, a intención de adquisición dos terreos por parte do Concello de Mos. Deste xeito quedaría cuberta a demanda actual de Vivenda Protexida en Mos durante os vindeiros anos.
Todo este Plan de Vivenda Protexida en Mos verase complementado polo proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, coa que se transformará totalmente esta zona e que será financiada pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
Polo tando o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados nas actuacións de: remate da Fase 2 de San Eleuterio, Fase 3 e remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio. Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento poboacional e a demanda existente na localidade mosense.
Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes.
O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.