Mos e Xunta de Galicia acordan o “Novo Puxeiros”

Tras xuntanza entre o presidente Rueda e a Alcaldesa Nidia Arévalo

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para abordar tres proxectos de máxima importancia para o municipio, nos que concretaron detalles de prazos e financiación.

Tratouse do novo tramo de humanización no Alto de Puxeiros, proxecto denominado “Novo Puxeiros”, o Macro Proxecto Sociosanitario do Rebullón e se estudará a remodelación da contorna da Igrexa de Pereiras. Así mesmo rexedora local mosense e dirixente autonómico deseñaron conxuntamente na xuntanza as liñas de apoio autonómico a Mos durante o que queda de lexislatura, tras de que Arévalo lle plantexase ao presidente Rueda demandas e proxectos necesarios nas parroquias, e aos que se lle irán dándo saída en función das prioridades.

Nidia Arévalo agradeceu “a enorme colaboración e man tendida do presidente, ao que Mos tanto lle debe e que tanto ten que ver co progreso, evolución e crecemento do noso Concello nos últimos anos”.

O proxecto culmina coa humanización de Puxeiros, converténdoo no “Novo Puxeiros”, incluído no programa electoral de Nidia Arévalo para os comicios locais do pasado 2023, trátase da remodelación do tramo final da Avenida de Puxeiros e da Avenida do Rebullón, que se está tamén a valorar e que consiste no acondicionamento e remodelación dun tramo de algo máis de 200 metros de lonxitude da Avenida de Puxeiros, e un tramo de aproximadamente 135 metros de lonxitude da Avenida do Rebullón, sumando un total de 350 metros de lonxitude de viais públicos, cun ámbito de intervención de 5.804,86 m2 de superficie.

O proxecto expón dotar dun carácter urbano aos viais incluídos no ámbito de intervención, dándolle continuidade ao tratamento que existe actualmente no tramo contiguo da Avenida de Puxeiros.

Respecto do Macro Proxecto Socionanitario do Rebullón, pioneiro e único en España, Arévalo e Rueda concretaron prazos de execución, avanzando que toda a infraestrutura sociosanitaria que consta de Centro de Saúde, Centro de Coidados Intermedios, Residencia de Maiores e Escola Infantil estará rematada dentro da presente lexislatura. O novo Centro de Saúde construirase no complexo sociosanitario que aproveita as instalacións do antigo hospital do Rebullón.

“Respecto do Macro Proxecto Socionanitario do Rebullón, pioneiro e único en España, Arévalo e Rueda concretaron prazos de execución”

Este novo centro inserirase nun proxecto integral onde compartirá espazos con outras dotacións como un centro público de coidados intermedios, unha nova escola infantil ou unha residencia para persoas maiores. O proxecto reserva para o novo Centro de Saúde máis de 2.300 m2 dentro do edificio do antigo hospital, o que supón un incremento de superficie do 44% (o actual conta con 1.641 m2).

Por outra banda a Consellería de Política Social xa ten avanzado o proxecto do centro de coidados intermedios, que recolle as liñas xerais de deseño que se seguirán en todo o complexo. Tendo en conta isto, a Consellería de Sanidade avanzará nos trámites para a redacción do proxecto do novo centro de saúde.

Ese Centro de coidados Intermedios do complexo sociosanitario de Rebullón, xunto co que se porá en marcha en Santiago no edificio CEGADI, será o primeiro centro público destas características en España. Contará con 60 prazas, e un orzamento de 5,4 millóns de euros. En canto á Escola Infantil, a administración local mosense ten iniciado o expediente de contratación do proxecto e prevese que as obras se inicien este mesmo verán. A nova Escola Infantil do Rebullón, ten un orzamento total que ascende a 1.250.000 euros.

Respecto á remodelación da contorna da Igrexa de San Miguel de Pereiras, acordaron valorar o proxecto que enviará o Concello. Neste sentido, o Bispado xa lle cedeu os terreos ao Concello por 50 anos.