Mos “en pe de guerra” contra a nova A52

O Concello deseña un calendario de acción que levará ao Parlamento de Galicia e pleno municipal

Mos | Este venres 24 de xaneiro celebrouse, na sala de xuntas do Concello de Mos, unha nova reunión da comisión de seguimento contra a nova A52, da que forman parte a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, membros do goberno local, representantes do BNG que xunto co Partido Popular defenden esta causa, técnicos municipais, representantes da plataforma DefendeMos, e tamén dos colectivos veciñais e sociais afectados.

Nesta nova xuntanza se plantexou un calendario de diferentes accións que se van a levar a cabo e nas que os integrantes da comisión entenden que resulta relevante que o pobo de Mos exprese a súa postura respecto a esta infraestrutura do Ministerio de Transportes.

Nos próximos días, unha vez concluídas as reunións informativas con todas as parroquias do municipio, así como coas asociacións veciñais, se procederá a convocar novos encontros informativos dirixidos as comunidades de usuarios de traídas de augas, para abordar en detalle a importante afección que esta obra causaría nos caudais e depósitos das mesmas, coa posibilidade incluso de desaparición dalgunhas delas.

Mércores 29 de xaneiro
Este próximo mércores 29 de xaneiro o Parlamento de Galicia debaterá no seu pleno ordinario unha PNL (Proposta non de Lei) sobre a Nova Autovía A52 que será defendida pola Deputada Autonómica e Concelleira mosense Felisa Rodríguez, na que exporá o impacto que o novo trazado da autovía A52 provocaría no territorio.

Neste sentido, e atendendo ás demandas da veciñanza, o concello de Mos porá todos os medios necesarios para facilitar que aquelas persoas que así o desexen poidan ser testemuñas de primeira man. A coordinación desta acción estará dirixida polos membros da plataforma “DefendeMos”, que habilitarán diferentes puntos de saída a primeira hora do día 29, e a reserva de prazas se realizará contactando coa propia plataforma.

Venres 31 de xaneiro
Será o día 31 cando está previsto que se celebre un pleno extraordinario e monográfico sobre a A52 na sala de Xuntas da casa consistorial de Mos, para dar conta das alegación veciñais recibidas así como dos informes e da contundente resposta técnica que o Concello de Mos elevou xa ao ministerio. Ao remate da sesión plenaria terá lugar unha concentración cidadá na praza do Concello de Mos, sita en Petelos. A inmensa maioría das forzas sociais, institucionais, políticas e veciñais de Mos atópanse unidas na defensa ao seu territorio para evitar que unha nova infraestrutura volva a rachar o concello.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.