Mos esixe a Fomento reparar o derrubamento da A-55

Acaecido o pasado 19 de abril, pedindo a reposición de terras e elevación do muro

Mos | Á última hora da tarde do pasado Sábado Santo, día 19 de abril, un derrubamento de terras invadiu o carril sentido O Porriño da A55, interrompendo o tráfico durante horas e alarmando á veciñanza das vivendas da zona.

O barro e unha gran cantidade de terra e auga ocuparon o carril de circulación. Ante o sucedido, e para interesarse polos veciños e veciñas das tres vivendas que se sitúan sobre o lugar do derrubamento, que se atopan nun obvio estado de preocupación, achegáronse ata o lugar a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, o concelleiro de Urbanismo, José Ramilo, a edil mosense da parroquia de Tameiga e deputada autonómica, Feli Rodríguez, e o arquitecto municipal, Ramón Vega.

Os representantes municipais, Arévalo, Grandal, Ramilo e Rodríguez, informaron da remisión dun escrito ao Ministerio de Transportes e Mobilidade (antes Fomento) respaldado polo pertinente informe técnico, no que se solicita a reposición do corrimento de terras acaecido por mor do derrubamento, así como a elevación do muro de contención existente para evitar novos derrubamentos nun futuro.

A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, advertiu do perigo que sucesos coma este supoñen para os milleiros de condutores que transitan a diario pola autovía A55. E riterou a súa reclamación de esixirlle ao Goberno central a liberación inmediata da AP9 coa gratuidade do tramo Vigo-O Porriño, coa que se lograría a conseguinte desviación do tráfico pola devandita autopista. “Xa que se trata da solución máis rápida, sinxela, e económica, para a enorme problemática que está a xerar a vía máis perigosa do noso país que é a A55”, sentenciou Arévalo.

Ademais a alcaldesa lembrou que hai escasas dúas semanas, concretamente o pasado 31 de marzo, o Pleno do Concello de Mos aprobou, co voto unánime de toda a Corporación Municipal, unha moción para esixir a Fomento o arranxo urxente das vías de titularidade estatal ao seu paso polo municipio esixindo, unha vez máis, o mantemento en estado óptimo da A-55 e da N-550.

Trátase dunha moción xa debatida en ocasións anteriores e que se repite ante a persistencia do problema de falta de mantemento, danos, mal estado e abandono das vías de titularidade estatal ao seu paso por Mos, especialmente a autovía A-55 e as súas vías de servizo; así como a N-550, que están a causar innumerables situacións de perigo e innumerables incidentes e accidentes, como o acontecido o pasado sábado 19 de abril.

E tamén a propia Nidia Arévalo, o pasado 10 de abril, en calidade de senadora, formulaba unha batería de preguntas ao Goberno sobre as necesidades urxentes pendentes do Ministerio de Transportes e Mobilidade en Mos. A alcaldesa de Mos, Senadora e Portavoz Adxunta no Senado, presentou as cuestións que por lei lle deben ser respostadas no prazo dun mes.

Nesta batería de preguntas ao Goberno Central reclama as necesidades urxentes pendentes por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade nos viais de titularidade estatal ao seu paso pola localidade mosense. Preguntas que son cruciais para a seguridade viaria no municipio e para os milleiros de condutores que diariamente transitan polas devanditas estradas. Reclamando moi especialmente o mantemento en óptimo estado das condicións da A-55

Supresión da peaxe
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o voceiro de goberno local e edil de Patrimonio, Leo Costas, a concelleira de Medio Ambiente e da parroquia de Petelos, Laura Méndez, o concelleiro do BNG, Alberto Barreiro Ricón, o Xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez, o Secretario Municipal, Carlos Piñeiro, e o arquitecto municipal, Ramón Vega, veñen de reunirse cos membros da Plataforma de Afectados pola A52, DefendeMos, en Comisión de Seguemento.

Durante a sesión acordaron dar traslado á Subdelegación do Goberno en Pontevedra que será convocada unha manifestación a celebrar o vindeiro 16 de maio. Para encabezar a mesma elixiron o lema: “Pola supresión da peaxe, non á nova autovía”.

Desde a Plataforma insístese en que desde Mos reclámase respecto e dignidade ao Goberno Central e ao Ministerio de Transportes e Mobilidade, e reitérase a esixencia da liberación da peaxe da AP-9 no tramo Vigo-O Porriño e a paralización do novo proxecto da A-52.

Neste senso Nidia Arévalo, rexedora local mosense, volveu a insistir en que “reclamaMOS unha vez máis a gratuidade da AP9. Estamos diante dunha nova infraestrutura, a nova A52, de gran capacidade que afecta gravemente ao noso concello e que queda lonxe de arranxar a problemática actual de tráfico e sinistralidade na A55. Opoñémonos ao trazado que se propón desde o Ministerio, máis cando hai xa alternativas que poden supoñer un custe moito menor tanto a nivel económico, como ambiental e social, como sería liberar a AP9”, insistiu.

“Que se libere a peaxe do tramo da AP-9, xa que a gratuidade da AP-9 é unha solución sinxela, inmediata e non lesiva para o territorio, ademáis de notablemente máis barata que o novo proxecto plantexado”, concluiu a alcaldesa de Mos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.