Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, visitaron a pasada semana, acompañadas pola directora do Instituto, aos 14 mozos que están a estrear a Formación Profesional no Concello de Mos.
Nunca antes na historia do municipio o IES impartira FP, e faino por primeira vez neste curso 2023-2024. Trátase da FP Básica de Servizos Comerciais (Comercio e Márketing), titulación que foi elixida tras dunha exhaustiva valoración conxunta entre dirección e profesorado do centro, membros da ANPA, Concello e AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) en función da maior demanda de perfís laborais detectada tanto na localidade mosense coma na súa contorna.
Deste xeito, e grazas á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o IES de Mos conta dende este curso 2023/2024 coa impartición de FP Básica no centro.
Dende o Inicio do curso escolar, o IES de Mos conta coa FP Básica de Servizos Comerciais, que na actualidade conta con 14 alumnos.
Os estudos de FP Básica son estudos que se dirixen ás persoas que non finalizasen a ESO e queiran proseguir a súa formación reglada. Converténdose deste xeito nunha oportunidade motivadora para o alumnado, que contempla medidas metodolóxicas adaptadas ás características especificas do alumnado e que inclúe orientación educativa e profesional. Ó finalizar os dous anos de duración de FP Básica, o alumnado acada o título de Técnico Básico e o Titulo de Graduación en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
Na súa visita ao IES de onte a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, animou á rapazada a esforzarse para conquerir esta titulación en Servizos Comerciais, que ademais lles garantirá o título da ESO, e motivounos para que continúen a formarse unha vez rematada a Formación Profesional Básica.