Mos | Onte pola tarde celebrouse no Pazo de Mos un acto homenaxe ás Mulleres Emprendedoras mosenses. Preto de 90 mulleres de diferentes sectores (sanitario, estético, deportivo, educación, espectáculos, alimentación, hostalería, farmacia, comercio, etc) foron recoñecidas polo seu valor e esforzo á hora de decidir emprender e desenvolver cargos de responsabilidade nas súas respectivas empresas.
Na homenaxe con motivo do 8M estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e demais membros da Corporación Municipal mosense. Arévalo, rexedora local do Concello de Mos, puxo en valor “o papel da muller en postos de responsabilidade e na sociedade en xeral, como piar empresarial en Mos pero tamén como piar das familias e exemplo de traballo duro e superación”.
“Estou enormemente orgullosa das mulleres mosenses”, continuou a alcaldesa, “fortes e loitadoras; e estou orgullosa de que sexamos tantas as que hoxe nos reunimos neste Pazo de Mos para reivindicar e facer visible a nosa valía, que os sectores e postos antes maioritariamente masculinos xa non o son, ou non o son tanto, porque logramos facernos o noso oco neles, o que nos corresponde e merecemos por méritos propios, capacidade e aptitudes”.
O acto foi presentado pola xornalista do grupo Televigo – Radio Vigo Cadena Ser e veciña da parroquia de Pereiras, María Díaz, e organizado coa colaboración de Alba, educadora social e directora do CIM, Ana, Xurídica do CIM, María, Psicóloga do CIM, e Elena, psicóloga familiar do departamento de política social. Contouse coa ACTUACIÓN MUSICAL DE ERIKA LEWIS, mosense, tamén natural da parroquia de Pereiras, que forma parte do grupo de música Broken Peach, e é mestra de canto na escola MaiSon.