Mos | O Concello de Mos conmemorou hoxe o 8M no Pazo de Mos coa mesa ‘Muller e liderado’ protagonizada por mulleres que están en postos e responsabilidade en empresas afincadas en Mos, e que xeran emprego no municipio e que se tiveron que abrir paso en sectores laboráis e empresariais maioritariamente masculinos.
Elas son Águeda González, xerente de Tormeal, S.L., Arancha Mañas, CEO de PMA NUTRIGAS, Begoña Pérez, xerente de Cartonajes Pérez e Carolina González, Directora Financieira de Bimba & Lola. A mesa estivo moderada pola consultora e ex directora do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos, Ana Concheiro.
No acto estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Política Social, Leo Costas, demais integrantes do goberno e Corporación municipais, membros da directiva de AEMOS, e membros do CIM de Mos, posto que o Centro de Información á Muller mosense foi o encargado de organizar o evento.
A rexedora local aportou na súa intervención a súa experiencia como alcaldesa e senadora, e tamén deputada noutro tempo, polo que coñece de primeira man o binomio muller e liderado. Así mesmo Arévalo tamén declarou que “hoxe quero lembrar ás mulleres da historia mosense ás que lles dedicamos este ano o 8M en Mos baixo o lema ‘unha ollada ao pasado’. Ás nosas nais, avoas e bisavoas…, leiteiras, costureiras, traballadoras do campo… exemplo inspirador, pioneiras que nos abriron camiño. Un camiño que non foi fácil, xa que elas loitaron antes para a incorporación da muller ao mundo laboral, e a mellora dos dereitos laborais das mulleres”.
Ademais a alcaldesa salientou que “afortunadamente a sociedade ten avanzado moito nos últimos 40 anos, cada vez é maior é a presenza das mulleres na empresa, en cargos de responsabilidade, en cargos políticos… pero queda moito camiño por andar… Séguese producindo unha gran desigualdade entre homes e mulleres, por iso poño o obxectivo nun horizonte onde a igualdade sexa real e efectiva”.
Cea da Muller con máis de 400 asistentes
A seguinte parada dentro da programación municipal conmemorativa do Día da Muller en Mos será mañá sábado, 9 de marzo, na popular Cea da Muller, que dará comezo ás 21:30h no Pavillón Óscar Pereiro.
A velada feminina xa é un referente no Concello de Mos e incluso no sur da provincia. Tratarase dun encontro multitudinario de mulleres con máis de 400 inscritas, ao que asistirán ademáis da alcaldesa e concelleiras mosenses, Nidia Arévalo, Feli Rodríguez, Julia Loureiro, Sara Cebreiro e Laura Méndez; a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivó, Sandra Bastos, deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, demais deputadas provinciais, Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, outras mulleres corporativas municipais de Concellos veciños, etc.
O acto contará coa animación e actuación en directo doutra muller, a Dj Chus Lestayo. E por suposto non faltará o baile.